16.12.12

The third and the seventh

No número 71 da revista $suma^+$  da Federación Española de Sociedades de Profesores de Matemáticas hai varias cousas que me resultaron interesantes. A primeira, unha grande coincidencia: Fernando Tébar Cuesta asina un artigo titulado "Las matemáticas y el Bachillerato a lo largo del tiempo (1ª parte: desde 1953 hasta la LOGSE). É unha coincidencia porque, como xa comentei, estiven a fedellar na web do BOE co obxectivo de analizar a evolución do curriculum de Matemáticas desde a miña época de estudante ata a actualidade. O artigo de Fernando Tébar non se centra no curriculum, senón que comenta a estrutura dos estudos ademais do contexto no que se van desenvolvendo as novas leis. A bibliografía que apunta seguramente vai ser moi útil.

A segunda cousa interesante da revista é a entrevista que lle fan ao artista Cristóbal Vila, do que moitos lembraredes os dous traballos que comentei acó e acó. O momento máis revelador dáse cando o artista recoñece que nunca tivo un interese serio nas Matemáticas (co habitual comentario posterior sobre o escaso atractivo das clases e bla, bla, bla...), que o seu interese é máis que nada "visual". Creo que este momento é revelador porque evoca automaticamente a un dos aspectos da mente dos adolescentes que non podemos obviar cando traballamos en educación matemática: o feito de que as Matemáticas sexan útiles, que estean "debaixo" da realidade tanxible, e incluso que teñan atractivo estético... non é abondo para que un alumno se interese por elas. E máis cando as ferramentas tecnolóxicas que manexan tódolos días encubren totalmente calquera mostra da ciencia (e a tecnoloxía, tamén) que dá vida ás ferramentas. Isto non é casual: o obxectivo  dos que crean estas ferramentas é a facilidade de uso, o que leva á asimilación e ao espallamento da ferramenta. Un exemplo paradigmático témolo nos sistemas operativos que fan funcionar hoxe aos ordenadores, outro nos smartphones pensados para que calquera os saiba manexar.
Na entrevista Cristóbal Vila tamén o vemos: "... los programas de modelado y animación ya incorporan multitud de herramientas que hacen casi innecesario al usuario lidiar con cuestiones matemáticas. Aparte de unos básicos conocimientos de Geometría, poca cosa [...] aunque el usuario únicamente se limita a variar ciertos parámetros sin necesitar conocer los cálculos que tienen lugar internamente."
É esencial que os que deseñan os curricula teñan en conta esta realidade, para que non fagan outra xenialidade como a de meter notación binaria aos 7 anos porque os ordenadores traballan con ceros e uns...

Deixando a un lado as queixas debidas á miña condición de profesor de Matemáticas, imos ao terceiro achádego: Cristóbal Vila menciona a outro artista, Alex Román, do que salienta esta obra, The third and the seventh, na que nada é o que parece ser:




2 comentarios:

  1. Pois mira, eu ademais da entrevista de Cristóbal Vil, quedeime co artigo do paradoxo de Simpson que non coñecía pero que vou aproveitar para os meus alumnos de 2º de bacharelato, e tamén co de Laplace. Cada un ten os seus gustos, e os de suma parece que acertaron con nos os dous.

    ResponderEliminar
  2. Si, tamén o do paradoxo está moi ben, pero creo que eu non estaba para seguir razoamentos... Lembro que cando souben por primeira vez do paradoxo estaba tan abraiado que o chantei na proba do concurso de Enxeño Matemático que fixera no instituto de Oleiros no que estiven hai dúas vidas. Subín a proba ao google drive (que xa non uso wikis). Por se che interesa, está acó (perdón pola Comic Sans, era unha proba lúdica)

    ResponderEliminar