Matemáticas por todos lados |
Calquera que saiba algo de videoxogos ten claro que nunha parte importante deles os creadores tiveron que utilizar as Matemáticas para crealos. Isto é debido, entre outras razóns, a que en moitos xogos o programador ten que implementar o movemento dos personaxes. Para este fin haberá que ter en conta tipos de colisións, movementos en 2D ou 3D (translacións, rotacións,...), vistas, iluminación,... Así que necesitará traballar, por exemplo, coas transformacións xeométricas, trigonometría, vectores e álxebra linear. Como curiosidade, para resolver problemas que aparecen na interpolación de animación e a orientación de obxectos resulta moi útil traballar no corpo dos cuaternións, en concreto con cuaternións normalizados. Para quen queira unha explicación rápida deste feito, o creador de Miegakure, Marc Ten Bosch, escribiu esta entrada no seu blogue.
Ademais un programador de videoxogos ten que pelexar, como calquera outro programador, coa almacenaxe dos números reais na memoria, o que leva a tratar coas dúas principais representacións, o punto fixo e o punto flotante. Matemáticas por todos lados...
Pero se algún profesor de Matemáticas aí fóra pretende utilizar este feito para motivar o estudo das Matemáticas na Educación Secundaria, un aviso: non adoita funcionar. Á maioría dos alumnos non lles importa que os videoxogos estean baseados en Matemáticas. Fai falta saber Matemáticas para xogar? Non. Fin da conversa.(Tampouco funciona que os móbiles bla bla bla nin que Internet bla bla bla. Síntoo. E moito. De verdade).
Hai uns días lía nos blogues de Jason Dyer e Dan Meyer os seus comentarios sobre o que denominaron "Tiny Math Games". Na época na que nos movemos, na que unha das solucións universais para a motivación dos alumnos é a Gamification (non aturo "gamificación"), é relevante analizarmos que entendemos por xogo matemático nun contexto educativo (en niveis teóricos está perfectamente determinado). E non é sinxelo, pois hai unha liña difusa entre os xogos que utilizan Matemáticas e as Matemáticas que resultan lúdicas. Coincido con Dan Meyer en que esta secuencia de chíos de Jason Dyer dá no cravo, ademais de ser hilarante:
The line between "math that is game" and "game that is math" is pretty thin.
— Jason Dyer (@jdyer) 16 Abril 2013
However, students can still smell the former a mile away.
— Jason Dyer (@jdyer) 16 Abril 2013
Seguindo esta liña de pensamentos hoxe quero compartir dous "xogos" que poderiamos encaixar nesas categorías. Obviamente onde os encaixemos depende tanto dos xogos mesmos como do ollo do xogador que os enfronte.
- O primeiro é Circle Drawing Challenge, de Thomas Denney, que atopei en Math Munch (moi recomendable revisión semanal das Matemáticas pola rede) no que o obxectivo é debuxar co rato unha figura que se asemelle a unha circunferencia. Aquí deixo un exemplo casual que fixen eu:
En Coristanco ou na Limia agroman da terra... |
Con este tubérculo obtiven un 98'25% de "circularidade". O máis interesante para un profesor de Matemáticas non é o xoguiño, senón a pregunta inmediata que suscita: e como determina a aplicación como de boa é a figura? Pois dun xeito ben intelixente: utiliza a propiedade isoperimétrica das circunferencias, que vén dicir que de tódalas figuras planas pechadas que teñen certo perímetro, a que pecha a maior superficie é a circunferencia. Así que a aplicación calcula o perímetro da túa figura e a súa área, e computa cal sería a área do círculo con ese mesmo perímetro. Despois só fai a razón das áreas para devolver o nivel de "circularidade". Moi elegante.
Se vos gustan estes xogos, lembro un que compartín por acó alá polo 2009, na entrada Xeometría a ollo, no que había que mover liñas e puntos para tentar achegar a bisectriz dun ángulo, o centro dunha circunferencia, o punto medio dun segmento... A ligazón do xogo é The eyeballing game.
Si que é posible |
- E o segundo xogo, probablemente "máis xogo" que o anterior, é A Game of Numbers, creado por JoeDev en 48 horas para a competición Ludum Dare. Como no xogo non dan as regras e temos que atopalas nós, déixovos soamente a captura dunha pantalla:
Working Backwards, obviously |
Lembro outro xogo deste estilo, Prime Attack
Quizais os profesores de Matemáticas non lles atopemos utilidade no marasmo de contidos e competencias nos que naufragamos a diario, pero polo menos poderán pasar un bo anaco. Se queredes máis, sempre tedes dispoñibles as páxinas de xogos da miña primeira e vella wiki e do meu delicious:
E eu que só viña a comentar uns xogos matemáticos!
0 comentarios:
Publicar un comentario