20.11.14

Suposicións que hai que facer


Deambulando pola rede na busca de ideas para introducir nunha ficha de números decimais dei cunha proba máis das "Matemáticas de libro de texto"(anteriormente neste blogue, tamén nesta mención aos "números reais do instituto"), aínda que nesta ocasión na súa versión on line. Coido, polo que teño visto, que a versión on line se corresponde perfectamente coa versión tradicional: segue a haber as mesmas suposicións, as mesmas medias verdades, as mesmas trapalladas. Ollade vós mesmos: alguén dá resolto este exercicio?



A que distancia está Hampton de Decatur?


Porén, a que todos sabedes que está a suceder neste exercicio? Como cambiaríades a estrutura da pregunta para que teña sentido unívoco? É inevitable introducir máis texto? Ou chega con modificar o debuxo?

Deste tipo de suposicións tácitas están cheas as páxinas dos libros de texto, en papel e web. Se o profesor despistado ten a mala sorte de facer actividades deste estilo nunha aula só lle resta aceptar a queixa razoada do alumno atento. E non é este o único escenario no que pode suceder esta circunstancia:
Lembro un exercicio de sucesións nun libro de 3º de ESO no que había que atopar o número n, último dunha secuencia de números consecutivos, que lamentablemente fora borrado. Para tal fin o exercicio proporcionaba a suma de toda a sucesión. O obxectivo da actividade era que o alumno, mecanicamente, aplicase a fórmula da suma dos n termos dunha progresión aritmética para establecer unha ecuación, resolvela e dar felizmente co valor do n oculto (a outra raíz da ecuación era negativa, co cal outro obstáculo era desbotala por absurda).

O autor do problema non pensou que se tes n números consecutivos nunha ringleira e só o último está borrado, podes saber cal é mirando para o número anterior?


Para non facer publicidade explícita da web onde atopei a xoia da figura de enriba, direi só que se facedes a busca "decimal numbers review" por aí andará...

2 comentarios:

  1. Al ejercicio americano deberíamos responder que la distancia pedida es menor de 25 km. y que con el plano presentado resultaría difícil precisar más. Ejercicio recomendable que vayan viendo que con información incompleta la respuesta queda poco determinada.

    Para el ejercicio de la ESO la respuesta debería ser algo así: presumes de observador y no te enteras de nada tío. Verás como te saco los colores (y atizamos duro con la fórmula).

    Cuidado que los ejercicios cutres los carga el diablo y estúpidos, lo que se dice estúpidos de veras, solo los puede hacer la guía para el profesor. El de 3º de ESO no se va a salvar ni con esas.

    ResponderEliminar
  2. A min dáme a impresión de que os que fan os libros de texto padecen dunha de dúas doenzas: ou ben teñen mala conciencia por poñer soamente exercicios técnicos ou ben (o que é peor) cren realmente que son enxeñosos propoñendo esas parvadas.
    No 1º dos casos, hai toda unha serie de posts de Dan Meyer diseccionando problemas que aparecen en contextos totalmente irreais ou forzadamente "da vida real", o que el chama pseudocontext. Especialmente gloriosos son os casos nos que aparece a gráfica unha función ex nihilo.
    Por último, medo teño de que as probas externas que van facer por acó se parezan a estas dos USA, que servirán seguramente de modelo por iso de que son os que máis experiencia teñen acumulada (facéndoas mal)

    ResponderEliminar