Cada certo tempo chegan aos medios novas dalgún exame estandarizado que deixa aos alumnos chorando. Habitualmente cóllennos de improviso, pois os ritmos doutros países difiren moito do español, e vemos como a finais de novembro alumnos doutros sistemas educativos están a pelexar con probas de certificación do bacharelato. Cando un ve estes exames desde a nosa perspectiva, custa entender o que está sucedendo, esencialmente por dúas razóns: por unha banda porque noutros sistemas non hai un só xeito de rematar os estudos (e non falo de modalidades como acó, senón dunha optatividade moito maior, e incluso de niveis distintos nas probas finais), e por outra porque as materias dentro da área de Matemáticas teñen moitas diferenzas coas nosas. O caso norteamericano é paradigmático neste senso, con materias específicas: Algebra I, Algebra II, Geometry, PreCalculus, Calculus, Statistics(nalgúns modelos), cando as nosas son, en contraposición, "Integradas", pois temos todos os bloques de contido todos os anos.
O exame-provoca-bágoas desta temporada vén de Nova Zelanda, o que ocorre por segundo ano consecutivo, e vai de Xeometría, mentres que o do ano pasado era de Álxebra. Corresponde á proba de grao 11 (polo que cheguei a entender, o noso 4º de ESO, pois rematan no grao 13 aos ~17 anos) do Nivel 1 de Matemáticas e Estatística, que é o nivel máis baixo, xa que os requerimentos aló para acceder á universidade inclúen varias materias ao nivel 3 e varias ao nivel 2. No Guardian subiron o exame a Scribd:
Probablemente a cuestión máis difícil sexa a 3 a), principalmente debido ao enleado do segundo diagrama, pero a min a que máis me gustou foi a 3 b), que reproduzo aquí:
Nun cadrado AFHC inscribimos unha cometa BDGE na que os segmentos GD, GE e GB miden o mesmo. Atopa a medida do ángulo x.
Non sei se é tan interesante como me parece a min, o certo é que teño tendencia a que me presten os problemas nos que aparecen cometas.
0 comentarios:
Publicar un comentario