22.11.17

Traballos de Álxebra



O outro día colguei en twitter un problema que propuxera o ano pasado na miña clase de 4º de ESO. Como é habitual na rede entre profesores, o problema compartido non era dos habituais, senón certamente alternativo. Prometín subir algunhas tarefas propostas para traballo na casa, e velaquí esta entrada.

O ano pasado tiñamos na programación a entrega de traballos como método de avaliación. Traballos en sentido amplo, non tiñan por que ser os usuais nos que se indica un tema que o alumnado ten que poñer en google(investigación-fake ou low cost), senón que podían ser problemas matemáticos de certa dificultade. Ao ter unha única aula, puiden empregar máis tempo en propoñer tarefas individualizadas, polo que veredes exercicios rutineiros mais tamén problemas xenuínos, pois ían dirixidos a que todo o mundo tivese a oportunidade de resolver por si mesmo o que lle tocase. Aínda que hai algunha que outra ecuación nestas follas, tentei que aparecesen problemas de álxebra sen ecuacións, cuestión da que xa sabedes que son teimudo.


As fontes das tarefas son variadas, sendo a de todos os exercicios 1 de cada folla a web Visual Patterns. Das segundas actividades, tanto poden ser olimpíadas matemáticas de instituto como problemas tradicionais dos que perdín a pista da orixe, como problemas aparecidos neste blog, como algúns (os menos) problemas propios...

Obviamente se alguén vise algo de utilidade, pode usalo, faltaría máis, como sempre co que vexa neste blog.

Sempre podedes pasar un anaco divertido pensando algún difícil.

2 comentarios:

  1. Eres un pozo sen fondo!
    Os problemas de pautas recordáronme esta publicación http://www.mathshell.com/materials.php?item=ppn do que se deduce que son moito máis vello ca ti.
    Tamén me gustou saber que se podía insertar un documento do Drive

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Do Shell Centre coido que o primeiro que coñecín foi o das Funcións, o que está traducido ao castelán pola UPV/EHU. Pero tarefas de recoñecemento de pautas... xuraría que levan aí toda a vida. Como nota autobiográfica, o meu profesor de BUP(actualmente compañeiro) facíanos atopar o termo xeral de sucesións dadas polos primeiros termos. Para iso deunos un algoritmo que funcionaba para progresións aritméticas de orde superior(vaia, funcións polinómicas de variable natural). Lembro que cheguei á carreira sen saber por que funcionaba, ata que puiden demostralo eu.
      O do Drive, felizmente non tiven que facerlle nada ao iframe, quedou ben soíño; hai anos incrustara un formulario, coido que o da vida de Galois, e tivera que fedellar no HTML.

      Eliminar