11.9.20

Unha actividade (de Matemáticas) para titoría

Coconuts are so far down to the left they couldn't be fit on the chart.  Ever spent half an hour trying to open a coconut with a rock?  Fuck coconuts


A unha semana do comezo das clases máis estraño que temos visto, vou compartir unha actividade que fixen no curso 2018/19 coa miña titoría de 3º de ESO. Veredes que, en realidade, a actividade é transportable a calquera curso da ESO ou mesmo 1º de BAC, depende do titor, se quere enfatizar a análise matemática das gráficas ou o diálogo titor-clase.

Para empezar, coñecía a gráfica de xkcd de arriba, na que podemos ver a idea das coordenadas cartesianas de xeito informal. Os eixes non están numerados, non está localizada a unidade, a colocación relativa das froitas só dá unha idea difusa do sinxelo que é comela e do saborosa. Deste xeito, podemos ver que Randall cre que as uvas con sementes son máis difíciles de comer que as uvas sen sementes(aínda que seguen a ser máis sinxelas que difíciles) mais son un chisquiño máis saborosas. Para isto non é necesario indicar a unidade en cada eixe, de feito, habería que dar un significado ao 1 na magnitude "dificultade para comer a froita" E que significado tería -3? E aínda sen unidades, podemos facer preguntas (e esperar respostas coherentes) como "Que teñen en común as mazás verdes e as vermellas? En que se distinguen?"


Pois con esta gráfica na memoria, decidín probar o seguinte: amosei no EDI a imaxe, discutimos un anaco sobre as nosas opinións acerca do sabor e a dificultade(non hai nada como os gustos persoais para que a conversa sexa acalorada), e despois propuxen que cada alumno elaborase nunha cuartilla cadansúa gráfica, cos mesmos eixes que na de xkcd, sinxelo-difícil e non me gusta-gústame e coas materias de 3º de ESO en troques das froitas. Velaquí algunhas das producións:



As conclusións saltan á vista en cada gráfica, non si? O titor pode coller a gráfica dun alumno e ver moitas cousas. E tamén, de xeito colectivo, pode revisar todas as gráficas da clase e ver cousas raras. Que sucede se todos os alumnos colocan certa materia abaixo e á dereita de todo? Sucederá que moitos poñen arriba á esquerda algunha materia? Mediatiza a actividade que o titor dea Matemáticas? En xeral, cales son os cuadrantes máis poboados? (Se alguén fóra da docencia le este blog, si, efectivamente, nunha titoría os alumnos falan/quéixanse dos profesores que teñen ao seu titor, depende deste deixar que se desafoguen ou non)

Imaxino que vistes os números que hai bailando polas gráficas, moitos xa saberedes que indican as horas semanais de cada materia. Que pintan aí? Xurdiu sen pensalo previamente, cando vin algunha das gráficas e notei que quizais o número de horas semanais explicase a colocación das materias por varios alumnos. Algún alumno mercou a explicación, outros non, of course. Tamén poderíamos colocar as horas semanais nun terceiro eixe, pero feito a man pensei que non se vería ben.

Por outra banda, cabería a posibilidade de indicar a nota previa de cada alumno nas materias, pois adiviño que non reflectiría perfectamente a dificultade indicada no eixo OX: hai alumnos cuxo autoconcepto non se ve plasmado nas cualificacións, e outros amosarían que non traballan abondo en materias que a priori ven sinxelas.

Seguro que tedes máis imaxinación ca min e asáltanvos mellores ideas para poñer nuns eixes como os de xkcd que simplemente as materias de 3º de ESO. Xa tedes outra actividade para facer ese día en titoría.



0 comentarios:

Publicar un comentario