Erecteion with no context, da wikipedia |
O curso 2022/23 comeza a implantación da LOMLOE nos cursos impares. Se un segue minimamente as novas sobre educación, forzosamente tivo que oír que a nova lei vai supoñer unha revolución no proceso de ensino/aprendizaxe, que vai incorporar as competencias no caduco xeito de ensinar en España(xa había 8 competencias básicas na LOE, do 2006, na LOMCE do 2013 hai 7 competencias clave), que agora o profesorado vai ter que empezar a ensinar para a comprensión e non para a memorización, etc. E aínda que eu fixera un voto de non recibir máis formación, polo menos durantes uns anos, acabei apuntando ao curso da FESPM "Bases para la elaboración de un currículo de Matemáticas en enseñanza no universitaria", que tivo lugar en rede en febreiro e marzo. Procedo a relatar a miña experiencia no curso e a miña opinión.
A organización do curso correu a cargo da FESPM, i.e., a Federación Española de Sociedades de Profesores de Matemáticas, e os relatores do curso eran precisamente autores do documento homónimo do curso, elaborado polo CEMAT, o Comité Español de Matemáticas, lista que podedes ver na 2ª páxina do pdf enlazado. Esta foi unha das principais razóns que me levaron a matricular no curso, despois de levar lustros facendo o lercho a conta dos creadores de curriculum. Como teima persoal, considero que nesa lista de expertos están sobrerrepresentados os docentes de centros privados, e como consecuencia coido que teñen unha visión das aulas ben distinta á miña, e que me achega pouco valor.
O curso apoiouse nunha aula virtual na que había por un lado vídeos con conferencias máis xerais, e por outro, vídeos con obradoiros dos distintos sentidos nos que se organiza o documento das Bases. En cada apartado había unha tarefa que facer despois de ver o vídeo correspondente. Aínda que as tarefas eran secundarias, pois o obxectivo do curso era dar a coñecer as Bases ao profesorado que se matriculou, non avaliarnos a nós sobre algo novo. Non lembro exactamente os números, pero de algo máis de 130 matriculados inicialmente de toda España, remataríamos pouco máis de 40. Tendo en conta que había matriculados que non eran profesores en activo das etapas nas que vai ter efecto o novo curriculum, moito non se espallou a boa nova con este curso, penso eu.
Vou incrustar aquí os vídeos, que levan un tempo xa en aberto na canle da FESPM.
- A 1ª conferencia correu a cargo do entón presidente da FESPM, Onofre Monzó, e titulouse Marco teórico para el desarrollo curricular,
A tarefa asociada a este vídeo consistía en responder as seguintes preguntas:
- Que entendes por matematización?
- En que momento se debe traballar na aula a resolución de problemas?
- Que é a competencia matemática?
- Que entendes por pensamento computacional?
- Consideras que na actualidade se traballa o pensamento computacional na aula? Considéralo necesario?
Para non facer ilexible esta entrada, enlazo o documento co que contestei a tarefa, Actividade 1.1, seguro que vos presta comprobar a miña burremia.
- A 2ª conferencia, Principios metodológicos para el cambio curricular, foi impartida por Antonio Moreno Verdejo, profesor de Didáctica da Matemática na Universidad de Granada.
A tarefa asociada dicía así:Expresa a través de un documento de texto, tu valoración sobre los principios metodológicos a los que se ha hecho referencia en la conferencia, destacando aquellos que consideres de mayor importancia y exponiendo si consideras que hay algún aspecto que se debería haber considerado.O que contestei eu, que a estas alturas xa vos podedes cheirar: Actividade 1.2
- E a 3ª conferencia, Relación y Cambio (como se fose un título de Kierkergaard), foi ditada por Abraham de la Fuente, doutor en Didáctica das Matemáticas, membro da Fundació Bofill, e profesor(coido) nun centro privado catalán ademais de na Autónoma de Barcelona.
Neste caso a tarefa solicitaba o seguinte:
Expresa en un documento texto los aspectos que consideras más destacados de cambio que encuentras en el documento bases para el currículum con respecto al currículum establecido en anterior Ley de Educación.
A miña resposta a esta premisa, como mínimo estraña, en Actividade 1.3. Confeso que aínda non teño totalmente claro se falaba de Cambio, como no título da conferencia, ou que.
Penso que xa é abondo para esta entrada. Outro día sigo cos obradoiros dedicados aos diferentes sentidos dentro da materia.
0 comentarios:
Publicar un comentario