26.4.11

Clase invertida?



Cada certo tempo aparecen novas "solucións universais" no mundo da educación, na forma tanto de ferramentas como de novas perspectivas. No pasado houbo exemplos ben variados dentro do ensino das Matemáticas: LOGO, BASIC, a resolución de problemas como eixe, o uso de ordenadores en tódolos ámbitos... Algúns deles son exemplos pintorescos (onde queda hoxe o LOGO?) , outros forman parte agora do ensino como ferramentas máis ou menos alternativas. Nalgúns casos vemos as ganas que tiñan os promotores desas solucións de que fosen usadas a toda costa, (quen sabe se con intencións secretas, como naqueles que promovían o uso das calculadoras de Texas Instruments). Noutros casos semella que algúns queren utilizar ferramentas aínda que non haxa evidencia de que sexan susceptibles de usar no ensino.

A solución definitiva de hoxe é a que dá título a este post: A clase invertida, tradución do inglés de Inverted ou Flipped Classroom. A fonte na que souben desta solución é o post de Mathcurmudgeon, Inverted Classroom, onde fai unha boa descrición do método e unha axeitada crítica. A cousa funciona así, grosso modo:

Robert Talbert, profesor de Matemáticas no Franklin College, dálle a volta ao seu método previo de ensino: primeiro grava un vídeo da lección (p.ex., Álxebra Linear), cólgao de tal xeito que os seus alumnos teñan acceso on-line antes da clase, estes ven o vídeo e na aula normal dedican o tempo a facer "deberes", practicar...

Eu teño dúas obxeccións:

  • En primeiro lugar, de xeito case inmediato, vexo problemas técnicos: a conectividade non é obrigatoria para os alumnos. Ademais non vexo claro que podamos levar este método ás aulas de secundaria nin bacharelato: canto tempo lle levaría a un alumno facer isto con 6 materias ao día? Por non falar do número esperado de alumnos que o levasen a cabo...
  • En segundo lugar (e máis importante) hai unha idea que está implícita no método Flipped Classroom: as clases nas que o profesor explica un concepto ou un procedemento (lectures, no orixinal) son unha perda de tempo, principalmente porque a comunicación é unidireccional, do profesor ao grupo. Estou totalmente en contra desta concepción das clases. Nas miñas clases insisto en que os alumnos participen. As poucas veces que pido que non interveñan suceden cando os alumnos non participan de xeito educado e ordenado. A orde non me importa demasiado a min, é a eles a quen lles afecta, debido a que entre eles non se escoitan (estou sendo completamente honesto aquí). E incluso nas poucas veces nas que ninguén intervén, sempre cabe a posibilidade de interpretar as caras de non-comprensión. Resumindo: onde está o feedback nun vídeo?
Non quero transmitir a idea de que os vídeos non son útiles para o ensino das Matemáticas. Eu mesmo utilizo de vez en cando vídeos para aprender cousas novas (normalmente relacionadas coa informática), pero teño a impresión de que non serven para aprender "desde cero". Por outra banda, e en contra da intuición, os vídeos parecénme máis lentos que o texto escrito para aprender, e curiosamente menos dinámicos (estou pensando na típica situación onde un quere volver sobre algo xa aprendido, ou ben quere avanzar por riba dunha sección).

Para ver a opinión dun entusiasta no uso dos vídeos, Salman Khan, creador da Khan Academy, é unha autoridade:







0 comentarios:

Publicar un comentario