18.6.10

Desconfía dos enunciados sinxelos

Parece máis sinxelo do que é:

Dous amigos botan unha carreira de 100 metros lisos. Gaña un deles por tres metros de vantaxe, é dicir, cando chega á meta, o outro queda a 3 metros de distancia, no metro 97.
Deciden botar outra carreira, pero o que gañou dálle certa vantaxe: en troques de comezar na saída, empezará tres metros máis atrás.

Quen gañará esta nova carreira?

16.6.10

Three not in a row



Es quen de colocar 6 cruces nun taboleiro de tres en raia de tal xeito que non haxa 3 en liña?


Por certo: sabías que o xogo chámase en inglés tic-tac-toe?

E que, dependendo da definición de videoxogo, está considerado o primeiro videoxogo implementado nun ordenador?

13.6.10

Aviso aos meus alumnos de 1º de Bacharelato

Fixen o simulacro de exame da 3ª Avaliación. Non estaba seguro de si o mereciades, pero ao ver as vosas caras de tremenda preocupación na cea desta fin de semana, pensei que efectivamente debía facelo e subilo. Era obvio que non o estabades a pasar ben.

Aínda non tiven tempo de escribir a solución, ao longo do día fareina. Pero non vou actualizar o blog cando o faga, así que estade atentos á wiki.

Simulacro sen solución da 3ª Avaliación

Xa falta pouco, e pensade que ademais, xa non me teredes que aturar na clase!

Veña, e sen que sirva de precedente, unha canción sentimental:


12.6.10

Teorema de Conway





Ás veces un atopa feitos matemáticos inesperados de indubidable beleza. Habitualmente, a un nivel preto da terra, estes feitos aparecen na xeometría (euclidiana) ou na teoría de números. Xa vai certo tempo que non atopo ningunha propiedade numérica que me deixe alucinado, quizais sexa porque as máis sorprendentes son de dominio público (no mundo dos que estudamos Matemáticas, quero dicir).
Hoxe estaba a ler os blogs do meu Google Reader cando este teorema saltou á vista, tan sinxelo, tan elegante:

Se continuamos os lados dun triángulo alén de cada vértice unha distancia igual á lonxitude do lado oposto, os seis puntos resultantes están na mesma circunferencia, chamada Circunferencia de Conway.
Como o enunciado anterior non é un exemplo de claridade, mellor ollar o debuxo, que amosa un exemplo no que o triángulo ten por lonxitudes as medidas 3-4-5:

A pregunta obvia é: Por que están na mesma circunferencia?
A segunda pregunta obvia é: Cal é o centro desa circunferencia?

Se un contesta a primeira, automaticamente obtén a resposta para a segunda. Como adoita suceder en "teoremas rápidos" da xeometría, é dicir, en enunciados sinxelos sobre figuras que aparecen de xeito natural sobre triángulos, circunferencias, etc., a sorpresa mitígase cando un entende o feito subxacente. É unha pequena maldición que as Matemáticas reservan a aqueles que chegan a entender.

10.6.10

Just for fun


Hai cousas que hai que ver simplemente porque son bonitas. Este vídeo, onde vemos a un mergullador profesional, Guillaume Nery, baixando ao "Burato Azul de Dean" é unha delas. Atopeino en kottke, blog onde comentan que toda a inmersión foi gravada por outra mergulladora, Julie Gautier. O resultado, simplemente fermoso: