11.7.14

Palabras e figuras

Para ocultar se o levas á praia


Este verán, ademais de lecturas propiamente lúdicas, teño a intención de ler o libro Competencias matemáticas desde una perspectiva curricular de Luis Rico Romero e José Luis Lupiáñez. O libro foi publicado no 2008, e pretendía dar resposta ao novo marco lexislativo que representaba a LOE e a inclusión da linguaxe das competencias xunto aos contidos, obxectivos e criterios de avaliación. A miña intención é cambiar/mellorar a opinión que teño sobre as competencias, das que non aturo nin o nome economicista e aprender algo sobre a competencia matemática, da que teño lido moitos artigos mais nada minimamente formativo. Para resumir a miña crítica inicial á competencia matemática tal e como vén marcada na LOE: a competencia matemática trivializa o contido das Matemáticas e reduce esta ciencia a un conxunto de receitas utilitaristas.

Por outra banda, conto con dominar (por fin) a linguaxe/obxectivos da competencia matemática antes de que nos caia enriba a LOMCE, que vai introducir os "estándares de aprendizaxe" para relacionar directamente o curriculum coas probas externas que van dirixir o noso oficio axiña.

Aínda que só levo unhas corenta páxinas, quería compartir unha anécdota que atopei nel que, na miña opinión, resulta paradigmática da literatura pedagóxica/didáctica. Imaxino que a medida que vaia avanzando compartirei algunha idea (espero que positiva) do libro. Na páxina 38 do devandito libro, no epígrafe "Perspectiva curricular para la educación matemática" dentro do capítulo 1, "Currículo y fines de la educación matemática", atopamos unha explicación somera das dimensións do currículo. E despois desa explicación, unha figura que tenta ilustrar esas ideas:


Pido perdón pola calidade (da foto, non do contido)


Supoño que fixarse nisto vén dado por ser matemático. Non é evidente que aí só hai 3 dimensións e que a suposta 4ª dirección depende das demais? Pero para que serve unha figura deste tipo? Para abraiar a quen non entende nada?


Este tipo de anécdotas fan complicado achegarse á típica verborrea dos que falan de competencias (obviade a goma de mascar)




"Una competencia es la forma en que una persona moviliza todos sus recursos, utiliza todos sus recursos, para resolver una tarea en un contexto determinado"

Isto vai resultar difícil.


0 comentarios:

Post a Comment