21.5.11

A solución universal deste mes (no día do fin do mundo!)




Dando botes dun weblog educativo a outro, lendo opinións, vendo experiencias, comprobando distintos currículos, acabei neste post:


Motivando a aprendizaxe alén das notas

Seguín lendo, indo a ligazóns, buscando en google máis sobre o concepto de "Gamification". Grosso modo: é a estratexia educativa consistente en converter a aprendizaxe nun reto semellante aos que aparecen no contexto dos xogos.

Vou comentar brevemente a impresión que me inspira a Gamification, hoxe que parece que se acaba o mundo, no que se chama na tradición cristiá anglosaxona The Rapture.

Os que leran algo este blog (ou simplemente boten unha ollada á nube de etiquetas) saberán de varias afeccións que ten o autor. Unha das máis obvias provén da época na que este profesor de Matemáticas tiña unha NES (hai máis de 20 anos OMFG!) e o lugar de encontro dos rapaces-adolescentes era a Sala de Recreativas (por certo, vaia cambio entre estas fotos dos 80 e as actuais en Tokyo).
Eu xoguei moito no pasado a videoxogos e aínda hoxe, con máis de 30 anos, sigo xogando a diario ou case a diario. O meu xénero favorito de xogos é claramente o tipo puzzle, se é posible combinado con características propias dos xogos de habilidade (velocidade, reflexos, etc). Deste xeito, Portal ou Braid dentro dos xogos profesionais, e Continuity ou Bloxorz entre os xogos casuais son bos exemplos do estilo de xogo que me gusta. Dos xogos clásicos, o Tetris é o mellor expoñente. A estas alturas creo que teño unha certa bagaxe no mundo dos videoxogos, aínda que tento evitar xéneros como o Shooter ou os simuladores de condución, que nunca me gustaron, nin sequera nos xa afastados tempos do Out Run ou o Operation Wolf.

O parágrafo anterior é unha xustificación para o que segue.

Non creo que transformar o proceso educativo nun xogo sexa boa idea.

En primeiro lugar, porque falsea a educación e o mundo no que vivimos. Os adolescentes actuais xa teñen demasiadas falsas concepcións sobre a realidade motivadas pola sociedade de consumo como para que desde o ensino vaiamos a contribuír conscientemente a crear máis.

En segundo lugar, porque nin sequera creo que a Gamification funcione. Nos blogues que visitei comentaban varias experiencias. Nunha baseada na Khan Academy (da cal xa falei aquí), os alumnos reciben badges (a tradución literal é "divisas", un tanto en desuso, así que quizais deberiamos traducilo por "medallas") cando van resolvendo actividades e cumprindo obxectivos. Para calquera implicado no ensino non é difícil prever os problemas: moitos alumnos esquecen que o obxectivo é a aprendizaxe e pasan a concentrarse no aspecto lúdico-competitivo do método. De tal xeito que comezan incluso a facer trampas, a tentar pasar por riba das actividades o máis rápido posible...
Pero eu aínda son máis pesimista: creo que se implantásemos ese método por estes lares o problema viría da escasa implicación de moitos alumnos. Porque non esquezamos que unha porcentaxe importante de discentes van responder de xeito negativo a calquera estímulo que proveña do centro educativo-profesorado, independentemente da súa natureza. Ás veces penso que este factor non é considerado polos expertos, cando propoñen novos métodos de ensino-aprendizaxe ou pretenden que os alumnos estean conectados en plataformas de ensino como moodle, blogues de aula ou outros "artefactos" (como gustan de chamarlle agora algúns).

Cando leo a expertos dicindo que a aprendizaxe verdadeira prodúcese de forma lúdica, a miña reflexión é sempre a mesma: aprenderon algo complicado? Porque eu non imaxino como aprender de xeito lúdico Análise Funcional, ou Teoría de Galois, por poñer dous exemplos da miña carreira.

En fin, sigo atento á vindeira solución universal, sempre e cando non remate o mundo agora. Que, sinceramente, non me vén demasiado ben.

0 comentarios:

Publicar un comentario