De volta da I Xornada de coordinadores/as do proxecto Abalar atopei unha actualización no TED blog que me fixo reflexionar:
Do post de TED comentado |
Na entrada presentan unha infografía(realmente un póster) que amosa as liñas xerais da resposta do TED blog a unha charla previa do economista da conduta 1 Dan Ariely: What makes us feel good about our work?
(perdón pola morea de ligazóns). Non puiden evitar pensar en como se reflicten estes sete puntos no noso tan peculiar labor docente.
- Ver os froitos do noso labor pode facernos máis produtivos: Quizais porque aínda levo pouco tempo ensinando(arredor de 10 anos), pero o certo é que non teño unha impresión nítida deses froitos. Aínda que sigo en contacto con moitos dos ex-alumnos que tiven, non vexo relación entre o feito de que a moitos deles lles vaia ben na súa vida co meu labor. As cousas sonvos así.
- Canto menos aprezado consideramos o noso traballo, máis cartos queremos gañar: Non tiven nunca aínda a pulsión de gañar máis cartos. Quizais porque tanto ten: neste traballo imos gañar o mesmo fagamos o que fagamos. Veremos coa infame LOMCE como vai cambiar a situación(seguramente a peor, claro).
- Canto máis difícil é un proxecto, máis orgullosos nos sentimos del: Si, isto creo que si sucede. En clases especialmente complicadas, cando acadamos obxectivos a priori afastados é xusto sentirse orgulloso do traballo ben feito. O problema é que isto non ocorre con moita frecuencia. Digamos que as clases difíciles son... difíciles.
- Sermos conscientes de que o noso traballo axuda a outros pode incrementar a nosa motivación inconsciente: No noso caso, inconsciente e tamén consciente. O obxectivo principal do noso labor é a aprendizaxe dos alumnos. Moito máis non hai que dicir.
- A promesa de axudar a outros fai que sexa máis probable que sigamos as regras: Como non vexo que "seguir as regras" teña que ser necesariamente positivo, non vexo tampouco que este punto axude á motivación. Probablemente aquí sexa onde se revele a diferenza entre motivación nun traballo usual e motivación no labor docente.
- O reforzo positivo sobre as nosas habilidades pode mellorar o noso desempeño: É de supoñer que certa valoración positiva sobre o docente podería mellorar a súa predisposición para o traballo. Pero tampouco é automático. En calquera caso, cando foi a última vez que recibistes un reforzo positivo por parte dos vosos compañeiros, a vosa dirección ou (gasp) da administración educativa? (E iso que eu non me queixo, os compañeiros valoran máis o que fago que eu mesmo ou os alumnos-quizais por mor do traballo como coordinador TIC)
- Imaxes que apuntan a emocións positivas poden realmente axudar a que nos concentremos: Isto soa máis a libro de autoaxuda e trapallada New Age que a psicoloxía seria. Pero quen sabe, nos recantos máis insospeitados atopa un a motivación, algúns ata pretenden converterse en inspectores de educación, ou incluso conselleiros...
E vós que opinades sobre a motivación dos profesores? Porque da dos alumnos xa falamos tódolos días...
1 Non é o caso, pois este economista fala do traballo e non do ensino, pero xa estou un pouco farto de que o debate sobre educación estea en mans de economistas, que por unha banda non saben abondo sobre educación para entender os items que manexan, e por outro non saben abondo sobre Matemáticas e Estatística para darlle significado aos números↩
No tocante ao punto 6 o reforzo positivo que máis valoro é o que fan, sen darse conta de que o é, os meus alumnos.
ResponderEliminarCando gaban algunha das actividades que facemos, cando recoñecen a miña capacidade de traballo, cando me preguntan e me piden se o curso seguinte lles volverei dar clase.
Sen seren conscientes conseguen que me sinta moi orgulloso do meu traballo, máis do que poidan lograr os compañeiros ou o equipo directivo. E xa non digamos a administración, que eu non teño claro que nunca lle vira reforzo positivo nengún.
Pois si, cadoi, tes razón. Omitín sen querer o reforzo positivo máis importante. No momento de escribir a entrada tiña o obxectivo posto na administración, a dicir verdade.
ResponderEliminarE por certo: es o mesmo cadoi que comentou hai así como 3 anos? Un saúdo ;)
buffffffff, a min o que me motiva é o salario, non por ser moito nin pouco, simplemente por que é o que me permite ir a un balneario cando me peta, facer unha viaxe de cando en vez ou mercar uns zapatos,...:), noutros tempos motiváronme os sorrisos, o agradecemento e a complicidade co alumnado, as mates en si mesmas, pero coa idade abriuse unha brecha, xa non falo o mesmo idioma que os alumnos, xa non temos os mesmos valores, xa me aburre tanto polinomio...., agora considérome unha mediadora entre o suspenso e o aprobado en mates e estou aí para acadar que aproben algúns, páganme para iso
ResponderEliminarPode ser si, ás veces esquezo asinar. Pero eu son este:
ResponderEliminarhttps://twitter.com/pauloglezogando
Xa Conchi, e seguro que motiva cando facemos folga e temos moito máis de 1/30 do salario menos ;)
ResponderEliminarE agora en serio: o noso é un choio no que a gráfica de satisfacción é sinusoidal... Tiñas que verme este ano pelexando cos meus 30 alumnos de 3º... Un saúdo e ánimo!
Ben, Paulo, misterio resolto ;)
ResponderEliminar