Tendo en conta o espertos que son os meus lectores (poucos pero de calidade) xa non sería necesario desvelar a solución da adiviña, porén vou comentar onde atopara o aparello e o seu creador. Se por calquera misterio do universo hai algún lector novo do blogue que caese accidentalmente nesta entrada, recoméndolle que vaia primeiro ao anterior post , E isto que é?, onde propoño a adiviña. Para evitar que vexa a solución porei algo comestible como obstáculo:
Outro día falamos de Topoloxía |
A imaxe, titulada "Curiosum", representa (como adiviñaron Cadoi e Cibrán nos comentarios), unha regra de cálculo complexa Fuller-Wythe, encamiñada a atopar o produto de dous números complexos. Apareceu no número 2 de "The Mathematical Intelligencer" de 2009 e non é unha fotografía dun obxecto real senón unha imaxe creada por ordenador, en concreto cun programa de modelado 3D chamado POV-Ray, Persistence of Vision Raytracer. Pensándoo ben, ten o seu aquel que a imaxe dunha regra de cálculo complexa non sexa "real".
O autor, Robert J. MacG. Dawson, (profesor de Matemáticas na St Mary's University en Halifax) mantén unha páxina na súa web para a fabricación dunha regra real, ademais duns apuntamentos sobre a historia das regras complexas (hai que baixar pola galería de imaxes elaboradas co POV-Ray para velos). Aló afirma que, aínda que non ten por que ser complicado facer en madeira e papel unha regra real, un modelo dun tamaño práctico presentaría problemas de lectura das escalas. Tamén explica polo miúdo o funcionamento dunha regra plana DuMond e a súa escala logarítmica, máis sinxelo do que agardaba.
A circunstancia de atopar esta imaxe no Intelligencer levoume a pasar unhas horas remexendo entre as ligazóns da web de Robert Dawson. O ubicuo google tamén axudou a atopar outras páxinas interesantes como este compendio sobre a historia do cálculo.
Estas son as cousas que un pode facer no verán, cando non hai fichas/exames que corrixir nin problemas/actividades que imaxinar. Para sermos precisos, son as cousas que un pode facer no verán sen ter a sensación de estar a procrastinar.
0 comentarios:
Publicar un comentario