21.3.14

Cousas que leo-2


O anterior post titulado Cousas que leo é de xaneiro do 2010. Daquela aínda existía Google Reader, substituído hoxe maioritariamente por feedly, que aínda que non mantén certas utilidades do reader, serve para o obxectivo fundamental de seguir os nosos blogues favoritos e así non ter que andar a navegar dunha páxina a outra á busca de actualizacións.

(Non deixa de ser curioso que moitos docentes compartamos ese costume de non navegar cos nosos alumnos, aínda que por causas totalmente diverxentes: nós por este uso de ferramentas de concentración e eles porque basicamente non navegan en absoluto, normalmente só len en redes sociais por medio de apps)

Desde o devandito post cambiaron moitas máis cousas, por exemplo agora a moda é chamarlle a isto que vou compartir "Personal Learning Environment". E xa que estou ao choio, outro anaco dese PLE radica na miña conta de twitter, que despois de moito dubidar decidín enlazar aí na columna dereita.

Hai unha morea de blogues que deixaron de actualizarse, algúns nin sequera existen, a outros deixei de seguilos. Mais creo que o máis interesante vai ser comentar as novas "adquisicións", novos blogues que achei útiles dalgún xeito para o meu oficio. Estes son os máis importantes dentro da etiqueta educación:

  • Five Triangles: Este blogue presenta actividades tradicionais pero que requiran algo máis que a repetición mecánica de algoritmos e estratexias. Na miña opinión, o feito de que os autores dirixan eses exercicios a alumnos de 6º, 7º, 8º grao e arredores (11, 12 e 13 anos) é certamente optimista, mais a calidade da súa produción é, en calquera caso, alta. Observade por exemplo unha actividade de Xeometría:
Deste mesmo mes, Rolling Sector
Como vedes na imaxe, un sector circular, emulando á onda do famoso cadro xaponés, vai xirando ata chegar á posición orixinal. O alumno ten que atopar a lonxitude do camiño que segue o punto O ata O'. O profesor observará que a aplicación da lonxitude da circunferencia aparece xunto a habilidades xerais propias da resolución de problemas, sen chegar ao nivel propio das olimpíadas matemáticas. Neste exemplo recente tamén podemos apreciar a introdución de niveis de dificultade en forma de estrelas (no libro de texto que teño eu en 1º de ESO aparecen triángulos, mais adoitan estar mal clasificados). É raro que leve á miña aula un problema de Five Triangles tal e como o publican alí, mais teño extraído unha morea de ideas para crear novas actividades. Para rematar, os mesmos autores anónimos escriben sobre os novos estándares dos USA, os Common Core State Standards, en CCSSI Mathematics.
  • Math Mistakes: Este é un blogue creado por Michael Pershan, quen leva o tamén valioso Rational Expressions. En Math Mistakes aparecen erros cometidos por alumnos de instituto co obxectivo de axudar a profesores a entender mellor os múltiples xeitos nos que a mensaxe emitida chega distorsionada aos receptores. Observade este exemplo dun erro que require explicación:
Arithmetic with Negative Numbers



  • Math Arguments 180: Outra xoia para os profesores de Matemáticas, estes 180 días de discusión permiten abrir debates moi proveitosos nas aulas. Este blogue lévao o mesmo profesor que actualiza Math Curmudgeon. Se queredes ver arder a vosa aula, probade a amosar a seguinte imaxe, eu useina tanto en 1º de ESO como en 1º de Bacharelato. Tamén tivo éxito nun taboleiro da miña sala de profesores...
Day 46: More Calculator Madness

  • Mr. Honner: Outro blogue dun profesor dos USA, Patrick Honner. A súa serie de posts crítica cos exames Regents do estado de New York, Regents Recaps, é unha lectura obrigada para os que somos críticos coa epidemia estandarizadora. Eu mesmo recomendeilla aos afeccionados aos exames estandarizados que levan a conta de twitter do Instituto Nacional de Evaluación Educativa. Como exemplo, no seu post Are these tests any good?Part 4 atopamos a crítica moi razoada a esta trabucada pregunta do Regents do 2011:
Se $\small{f(x)=x^2-6}$, find $\small{f^{-1}(x)}$

  • Más ideas, menos cuentas: Por fin un blogue destas latitudes (máis ben lonxitudes). Neste blogue o profesor de Educación Matemática da Universidad de Alcalá Pedro Ramos. Tristemente este blogue é case unha illa de reflexión sobre o ensino das Matemáticas na blogoesfera española, onde non daba atopado nada semellante. O título do blogue transcribe fielmente o seu argumentario, que podedes ver en acción no post Uso y abuso de las fórmulas I- Áreas.

E un comentarista do blogue anterior apuntou á existencia do último blogue que quería compartir,

  • Median: O blogue do profesor Don Steward é o lugar no que actualmenteatopo máis ideas para as miñas clases. As súas actividades collen os procedementos e conceptos usuais e danlle un aspecto máis interesante, ás veces fermoso. Vexamos un par de exemplos tirados ao chou do blogue:
ratio in car parks


Como están numerados os vértices?
Que sucede cando os vértices forman un triángulo equilátero?
Que coordenadas podería ter un hexágono regular?
En Cube Coordinates

Outro día igual completo un pouco o PLE (de marras) coas webs estáticas que me resultan útiles.

0 comentarios:

Publicar un comentario