15.12.14

Por pura lóxica...

Hai un problema de lóxica que adoita aparecer de vez en cando en concursos matemáticos e que teño visto ata en libros de texto, nesas páxinas do bloque de contidos comúns 0, que ninguén le nin traballa. Seguro que vos resulta coñecido:

Consideremos a seguinte afirmación: "Se una carta ten unha vogal nun lado, entón ten un número par no outro"
A continuación son presentadas catro cartas que amosan os símbolos E, 4, K e 7.
Que cartas hai que voltear para comprobar a veracidade da afirmación inicial?

Este problema, coñecido como o das 4 cartas, xurdiu hai case medio século no traballo do psicólogo Peter Wason, e deu lugar a moitos artigos dentro do campo da Psicoloxía Cognitiva. Podedes ir a esta versión on line para comprobar que collestes a idea.

Pero este problema, sendo interesante para destapar fallos no razoamento lóxico, non é o obxecto desta entrada, pois xa o coñecía vai para dez anos. Ata o usei nalgunha ficha da miña serie "Problemas difíciles para xente intelixente" (que por certo algún día terei que subir).

Non, o problema lóxico que captou a miña atención desta volta non foi o das catro cartas. Aínda que tamén foi ideado polo pioneiro da Psicoloxía do Razoamento P. Wason, eu non o descubrín ata a semana pasada lendo o libro Thinking and Reasoning: Psychological Perspectives on Reason, Judgment and Decision Making de Ken Manktelow. É coñecido como o problema do THOG, e é ben fermoso, observade.

Diante de ti tes estes catro deseños

   
Eu escollo unha das cores (negro ou branco) e unha das formas (cadrado ou círculo) e escríboas nun papel que ti non ves. Le as seguintes instrucións con coidado:
Se, e soamente se un deseño inclúe ou a cor que escribín, ou a forma que escribín, pero non ámbalas dúas, entón ese deseño chámase THOG.
Ademais o cadrado negro é un THOG.
Agora cada deseño pode ser clasificado nunha das seguintes categorías:
  1. Forzosamente ten que ser un THOG
  2. Non hai información suficiente para decidir
  3. Forzosamente non pode ser un THOG
Finalmente: ademais do cadrado negro, cal dos outros tres deseños é un THOG?

Só unha advertencia: coidado coa precisión da disxunción exclusiva e da dobre implicación...

0 comentarios:

Publicar un comentario