Ollade este vídeo e despois falamos:
Agora que xa o vistes, non querería ficar no cómico da secuencia Cine-Radio-TV-PCs(Oregon Trail-LOGO)-Laser Discs-PDIs-Móbiles-Tablets-MOOCs..., que é realmente hilarante, senón en dúas cousas que se din no vídeo:
- Arredor de 3:50, o amigo Derek Muller explica a segunda causa pola que unha animación pode funcionar peor que imaxes estáticas para aprehender un concepto: para que un alumno entenda/memorice/... o contido, a presentación deste ten provocar esforzo intelectual por parte del. Se sumamos que, en Matemáticas, ás veces non chega con ver algo para entendelo, non podería estar máis de acordo. Nunca tivestes a sensación de que explicastes/traballastes un contido mellor que no pasado e aínda así non conseguistes absolutamente ningunha mellora? (nota biográfica: creo que traballei mellor que nunca os logaritmos este trimestre en 1º de Bacharelato de Matemáticas Aplicadas I, e foi probablemente o ano que menos comprensión acadei)
- E pasado 6:00 Derek comenta a tarefa fundamental dun profesor: "guiar aos alumnos no proceso social da aprendizaxe(...) inspirar, retar, excitar aos alumnos para que queiran aprender". Aínda que son remiso á terminoloxía que me lembre ao coaching, New Age e demais baleiros semánticos, teño que recoñecer que este anaco do vídeo me convenceu.
Estes dous parágrafos están relacionados de xeito obvio: para que se dea a aprendizaxe, o alumno ten que estar implicado intelectualmente (non só) no proceso. Se esta implicación non vén de serie, haberá que sachar para acadala. Todos coñecemos casos de profesores e mestres que parecen facer maxia nas súas clases cos seus alumnos, pero... e que sucede cos profesores normais? En que consiste a profesionalidade no noso oficio, que poida suplantar ao carisma deses profesores-magos?
Non podía deixar sen comentar a intervención de Derek en TED-Ed, onde, simplificando moito, fai unha loa á falta de claridade nos vídeos educativos. Paga a pena velo.
Pois si, este video había que poñelo moito! Moito temos (eu me inclúo) tragado e apostolado por revolucións educativas que logo non implicaron cambio ningún, agás para algún político e/ou empresario que se encargou da provisión do material tecnolóxico correspondente.
ResponderEliminarEn moitos casos se centraron as propostas en "motivar" ao alumnado como se fose un suxeito pasivo, e non funcionou. O realmente importante é atopar que é o que fai que a motivación "naza" dentro da persoa, pero claro, iso é complicado de empaquetar como "revolución educativa".
Saúdos e felices festas!
Dá que pensar... e se non hai solución universal para que se dea a motivación? Ou peor: e se resulta que depende das persoas concretas que xogan no proceso social que é a aprendizaxe,i.e., profesor+alumnos? Quero dicir, e se resulta que hai certos alumnos aos que eu (p.ex.) non podo chegar? Que carallo fago eu lendo investigación sobre educación matemática? ;)
EliminarEn lista numerada, que queda moi analítico :)
ResponderEliminar1 - Eu estou seguro de que NON hai solución universal para que se dea a motivación. Bueno, si, atopar o que a cada un lle move, pero isto é o mesmo que non dicir nada.
2 - A motivación dun alumno vén de moitas fontes diferentes, o profesorado xoga un papel moi importante pero non o único.
3 - Hai alumnos aos que non imos chegar, pero non saberemos cales son até que o tentemos con todos.
Así rápido, faría outra lista numerada con algún inimigo da motivación nos que nos poidamos ter certa influencia :
1 - As notas numéricas.
2 - Os contidos cerrados.
3 - Os contidos "truño" (difícil definir o que encaixa aquí).
4 - O profesorado amante dos puntos anteriores.
Logo está o sistema, as familias, a sociedade... pero aí a nosa responsabilidade é moito máis diluída, así que o deixamos para unha conversa con caña diante ;)
E que me dis de que haxa alumnos cuxa motivación estea na túa 2ª lista numerada? Que de todo teño visto eu, tamén en pais/nais... O cal vai na dirección de que quizais haxa talantes opostos entre os alumnos que fan aínda máis difícil a motivación en toda unha aula, por pequena que sexa.
ResponderEliminarRelacionado con isto este post de Dan Meyer, The Unengageables, e a súa continuación, parécenme moi interesantes, aínda que hai que entender que se refire ao seu estilo de problem posing, que as súas aulas sempre foron especiais (en canto a obxectivos e liberdade de movementos do profesor), e que leva varios anos afastado das aulas. En calquera caso, a enquisa que comparte no 2º post é reveladora.
E por certo, o da caña si que é solución universal XD