Non adoito comentar aplicacións para o ensino das Matemáticas, alén do imprescindible e ubicuo Geogebra, mais desta atopei dúas ferramentas tan curiosas que ben merecen unha entrada.
A primeira, Isometric Drawing Tool, da web Illuminations do National Council of Teachers of Mathematics, é idónea para crear patróns sinxelos con cubos, e por tanto para actividades tanto de xeometría elemental como de sucesións/termo xeral ou aínda de álxebra, ou de combinatoria, ou de...
Q*Bert? |
E para os profesores de Debuxo e Tecnoloxía: na lapela Inspect podemos atopar as vistas 2D da figura 3D que creemos, ademais de poder rotar en cada eixe de xeito libre ou un número exacto de graos manipulando os esvaradores á esquerda.
Eu mesmo utilicei hai unha semana esta aplicación para crear un sinxelo patrón para 2º de ESO no que investigar sobre o incremento porcentual de superficie das figuras e tamén sobre o número de arestas en figuras posteriores:
A segunda ferramenta, GIFsmos, baseada en Desmos, está dirixida á creación rápida de gifs animados. Permite configurar a velocidade en fotogramas do gif ademais do tamaño da imaxe resultante. Exemplos inmediatos que veñen á cabeza son as sinusoidais en movemento, a cicloide, cardioide e toda a familia das curvas xeradas facilmente como lugares xeométricos.
O primeiro gif no que pensei eu utiliza un esvarador para mover unha gráfica, o que provoca que teñamos que estar áxiles ao darlle ao botón de gravar (lembranzas da época das cassettes de dobre pletina); tamén podemos crear os gifs fotograma a fotograma.
Elaborado, elaborado non é, mais tiven que eliminar un fotograma que rompía a continuidade usando imgflip |
En seis anos de blogue unha entrada para comentar dúas ferramentas on line non creo que cualifique como blogue de profesor...
0 comentarios:
Publicar un comentario