24.4.16

SolveMe Mobiles


A motivación da entrada Catro xogos foi a aparición do xogo Guess the Correlation xunto cun xogo que tiña gardado na memoria do navegador. Mais o rastro deste último xogo desapareceu cando fixen unha limpeza do ordenador, o que provocou que incluíse outros tres xogos para resarcirme. Por sorte na súa única entrada deste mes, os amigos de Math Munch trouxeron do limbo o xogo que quixera compartir eu, SolveMe Mobiles.

A idea non é nova: utilizar a idea intuitiva de equilibrio dos pesos como tradución da igualdade. Tradicionalmente os profesores de Matemáticas utilizamos a metáfora das balanzas para traballar as igualdades alxébricas. Este xogo en troques de balanzas, utiliza móbiles, do tipo dos que se lles poñen aos bebés nos berces.
Observade unha pantalla:

  
Resulta obvio o que hai que facer, non si?
Pois ademais da transparencia do obxectivo didáctico e da nitidez do xogo, hai varias características adicionais que o melloran:

  • Podemos rexistrarnos para gardar a nosa evolución no xogo e tamén para crear os nosos propios móbiles.
  • A pantalla de xogo ten un par de ferramentas, como o lapis, que nos permite escribir sobre unha capa. E se hai lapis, hai goma, claro.
  
  • Mais a cualidade que máis me gustou foi esta última: a posibilidade de arrastrar o colgante e traducir automaticamente a unha ecuación o equilibrio do móbil:
No proceso de arrastrar...


Velaquí a ecuación

Non sei vós, que seguramente a estas alturas do curso xa pasaríades da ecuacións, pero eu vou xogar un anaco mañá cos alumnos de 1º de ESO. A ver se notan que estamos a facer ecuacións sen dicilo.

0 comentarios:

Publicar un comentario