Como xa avisei con anterioridade, ían vir tempos de poucas publicacións neste blogue. Á razón principal insinuada nesta entrada hai que engadir outra: este curso e o seguinte vou ocupar o cargo de xefe de estudos no novo centro. Quizais cando se estabilice o centro, que baixo a implementación da LOMCE nos cursos pares está a vivir unha verdadeira crise(e teño coñecemento de moitos outros centros da bisbarra na mesma situación), poida publicar algunha entrada sobre Matemáticas; case seguro non hei publicar sobre as cousas que fago na aula, pois só vou dar unha clase de Matemáticas(orientadas ás ensinanzas)académicas de 4º de ESO. Quen sabe se non terei que preparar reválidas...
E como nesta mañá de domingo xa lle estou a roubar tempo ao novo traballo, non podo comentar un par de ideas matemáticas que tiña por aí agardando. Só hai espazo para a última ilusión viral, que vaticino que moitos xa veríades:
Para os que non a coñecérades aínda, o abraiante desta ilusión compartida hai unha semana polo profesor de Psicoloxía Akiyoshi Kitaoka na súa páxina de Facebook reside na imposibilidade de vermos os 12 puntos negros simultaneamente. Se queredes saber máis, tedes dispoñible a explicación do xornalista científico Antonio Martínez Ron en Next.
0 comentarios:
Publicar un comentario