6.1.19

A anos xa

You came to the wrong ε-neighbourhood
(xa usara esta imaxe, pero sempre é acaída)

Outro 6 de xaneiro, e xa van dez anos neste blog. En contra do que se podería agardar, estou satisfeito co que é agora: un lugar persoal onde colgar 1 de cada 4 cousas que me parecen susceptibles de  publicación. Como xa comentei en varias ocasións, o obxectivo principal primixenio era dispoñer dun sitio para propoñer problemas menos curriculares aos meus alumnos de (sobre todo)1º e 3º de ESO do IES Cosme López Rodríguez da Rúa de Valdeorras. Así podedes ver o ritmo vertixinoso de publicación do primeiro ano, continuado máis ou menos o 2º e o 3º. Despois dese inicio como blog "de apoio", e logo de moito cavilar, veu transformarse nunha páxina para chantar cousas que, se non as lese eu pola rede adiante ou en libros, me prestaría que alguén as colgase en galego para coñecelas. E isto salteado de comentarios sobre as experiencias na aula deste profesor random de Matemáticas.

Xa me teño laiado tamén de que en ningún momento chegamos a ter unha blogosfera matemática en galego, o intento de Manuel de sistematizala ao final do seu artigo Blogosfera Matemática no nº13 da revista Gamma choca de fronte coa realidade: dos blogs comentados, o que segue traballando a eito é  Carta Xeométrica, que todos sabedes que ten unha temática arredor da lingua e o país. Dos demais, podemos afirmar sen problemas que seguen funcionando este mesmo e os Retallos de Matemáticas, que publica menos entradas pero máis traballadas. As Dúbidas de Mates levan sen actualizar cinco anos; Dous Ferrados, que xa levaba un tempo sen actualizar, acaba de anunciar a súa xubilación(o que non quere dicir necesariamente que deixe o blog, agardo); o blog da revista do IES Monelos, Tetractis, leva descontinuo desde 2012(btw, o ano da LOMCE); o último número da revista do IES Otero Pedrayo, Mathesis, é de 2017.

Cales son as causas? Non é que eu sexa un experto, pero tampouco son difíciles de adiviñar: os autores asumen outras responsabilidades e teñen que deixar algunha: a primeira será actualizar un blog, que a fin de contas é algo voluntario; hai outros medios con comunicación máis inmediata: twitter, Facebook, quizais as aulas virtuais dos centros(se falamos de comunicación cos alumnos); a xubilación xa comentada... Tendo en conta que algo de narcisismo é necesario para crer que un ten cousas interesantes que comentar en público, o feito de que, ás veces, escribir un blog semella berrar no medio do monte non debe de animar a continuar. Para min un xeito de racionalizar esta sensación consiste en comprobar cantos comentarios teñen os blogs en inglés que sigo, blogs que obviamente teñen miles de seguidores e que teñen entradas con 2, 3 ou incluso ningún comentario(John Cook, Math Babe, Tanya Khovanova, Teaching with Problems, Craig Barton, Filling the Pail, etc., a excepción segue a ser o de Dan Meyer). Que nivel de feedback pode esperar entón un blog coma este, desenvolvido en galego normativo, co tema das Matemáticas escolares, escrito por este peculiar profesor(se serve como métrica de peculiaridade: que non adoita permanecer moito en ningún grupo de Facebook)?

Remato dicindo que espero seguir con este ritmo: aproximadamente dúas entradas ao mes non me van matar. Se queredes ler experiencias de clase sen moita orde nin moito xeito, problemas variados que poden ou non servir na aula, e calquera cousa que a este profesor lle pareza que cadra ben aquí, este é o voso blog. Non diredes que non sei vender un produto.


P.D.: Por certo, o título da entrada ten unha orixe similar á da vella brincadeira 

Por que os programadores trabucan o Samaín e o Nadal?


8 comentarios:

  1. Parabéns polo aniversario, J. Que sexan moitos máis anos na rede lendo as túas inquedanzas, que aínda que levaba tempo sen comentarche, son lector asiduo deste o teu blogue.

    E persoalmente gustaríame engadir a recompilación a páxina https://sites.google.com/view/geogebrapaulo/. Fóra iniciada en castelán, pero recentemente versioneina en galego (traducín, máis ben; en castelán xa non está dispoñible).

    Ben sei que non é un blogue, pero o que teño, http://compasyregla.blogspot.com/, aínda que me plantexei tamén traelo ao galego, me temo que é xa demasiado estenso como para atreverme...

    Un saúdo.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Graciñas, cadoi, moi amable pola túa parte. Xa ves que me limitei a comentar os do artigo de Manuel en Gamma. Os blogs que coñezo eu en galego están todos no blogroll dos Retallos de Cibrán, non sei se terá xa o teu site por aló. Que por certo, tes un feixe de materiais interesantes nel.

      Eliminar
    2. Eu vouche dar as grazas por seguires aí.
      Acabo de engadir o portal de Paulo na caixiña dos webs.
      Só un comentario. Cando comencei a facer a Carta Xeométrica, o que quería era facer un blogue de matemáticas. Como son bastante toupa coas novas tecnoloxías non fun quen, e como a situación de agravios á lingua era tal, acabei facendo un sobre a situación social da lingua, aínda que metía algo de matemáticas por alí. Hai xa moito que deixei de facelo, e agora todo o de mates vai aos Retallos. Se fose polo número de visitas que ten, este último debería pechalo. Pode que esta sexa outra razón a engadir á cuase-inexistencia de blogues na nosa lingua.

      Eliminar
    3. Grazas, Cibrán. Ti debes ter máis perspectiva sobre o número de visitas ao ter a Carta para comparar. No que vai de curso 2018/19, as entradas tiveron 127-92-100-151-183-306-125-59-69-35(esta de hoxe)
      Normalmente teñen máis visitas as entradas que promociono en plan pesado nalgún sitio como o grupo de Facebook de Opositores/Profesores. E non vou a Google Analytics porque non quero deprimir mirando o tempo de cada visita...

      Eliminar
  2. Cóntoche: o teu mínimo é o meu máximo nos Retallos. Nese mesmo período van entre as 16 e as 56. Pola contra na Carta Xeométrica a cousa anda semellante ao teu só que con moitas máis piblicacións. Unha entrada neste normalmente non me leva moito tempo (10-30 minutos), pero as entradas dos Retallos lévanme horas elaboralas.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Curioso... Sempre pensei que a Carta tería outra orde de magnitude de comentarios, vía máis posibilidades de eco entre os preocupados pola situación do galego. Como anécdota, coido que de todos os compañeiros e compañeiras que tiven nos centros polos que pasei, debe haber un só que lea este blog. Ás veces creo que só lemos blogues os que temos un XD

      Eliminar
  3. Aínda que teño un chisco parada a produción de entradas no meu blog de Construcións con regra e compás (sendo realistas, moi parada), deume por traducir ao galego todo o que tiña feito e compartido alí.

    Así que a partir dagora, práceme anunciar que se pode visitar en http://compaseregra.blogspot.com/ un bo feixe de construcións con regra e compás... en galego!!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Oe,que eu xa lle fixen publicidade en twitter ;)

      Eliminar