6.1.21

Doce

Hai doce anos vivía eu na Coruña, polo menos as fins de semana. Por semana estaba na Rúa de Valdeorras, o meu primeiro destino definitivo, onde tiña tanto tempo libre que ademais de meterme na EOI sen ter moito interese, abrín este blog. E sucumbín ao folklore matemático, poñendo na primeira entrada un vídeo de fractais. Como xa dixen noutras ocasións, ter  alumnas(principalmente) ás que lles gustaba resolver problemas fóra do puramente curricular, supuxo un pulo á creación do blog. Eu xa pensara en montar un cando daba clase en Oleiros, pero a verdade é que non tiña moi claro que fose ter aceptación, e o chisco de narcisismo que temos todos os que facemos cousas de xeito público( na miña opinión) provocou que desbotase a idea. Tacitamente, pensaba que sería un choio inútil(non como agora, que cada entrada que fago sae en reddit/hot :/ )

Doce é un número natural dos famosos. Non só debe de ser dos que máis aparecen na aritmética elemental en Primaria e 1º e 2º de ESO, por iso de ser $12=2^2 \cdot 3$, senón que a ducia segue a ser unha medida estándar; os escolares británicos aprenden a táboa de multiplicar ata 12x12, aínda que agora xa non utilicen o sistema imperial de medidas e ademais un chelín xa non teña 12 peniques(desde o Decimal Day); 12 é o terceiro número pentagonal, $p_3$; é o menor número abundante; tamén aparece na famosa anécdota de Ramanujan e Hardy, $1^3+12^3=9^3+10^3$; o número ideal de cidadáns da República de Platón, 5040=7!, tamén ten unha relación forte co 12; a teoría máis estendida sobre o sistema sesaxesimal está entroncada co 12, etc.

Porén, imos ver unha propiedade non tan coñecida. Síganme, mozos.

Collamos o dodecágono regular, 

Un polígono regular calquera, vaia. Tracemos as súas diagonais,
Para ver algo aí, habería que saber que pretendemos ver a priori. Podería avanzar que ten que ver con tétrades de diagonais, pero aínda quedaría lonxe. Concretemos,

As diagonais $A_1A_9, A_3A_{10},A_6A_{11},A_8A_{12}$ córtanse no mesmo punto. Iso só xa tería interese per se, pero é que este feito está relacionado cun problema elemental, pero difícil, que seguro que xa vistes nun feixe de fontes distintas, que pide demostrar que se colles un punto dentro dun cadrado ABCD de tal xeito que $\angle PCD =15º$, entón $\triangle ABP$ é equilátero(en realidade é unha condición necesaria e suficiente).

En troques de facer eu malamente a figura con geogebra, collín como fonte a formidable Geometry from the Land of the Incas, onde as figuras dos problemas están especialmente coidadas:


Collido de Go Geometry             



Pois doce anos van, exactamente 4383 días, nos que escribín, con esta, 744 entradas. Vexamos se queda carrete.

E coido que nunca vos agradecín estar aí, de xeito silencioso, pero aí. Grazas a todos.

2 comentarios:

  1. En realidade creo que somos nós, os teus alumnos e exalumnos os que temos que agradecer o teu esforzo nestes 12 anos. Ogallá houbese moitos mais profesores coma ti. Parabéns Profee!!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ai, Teresa, non sabes canto significa este comentario, moza. Moitas grazas e unha aperta grande.

      Eliminar