3.9.24

Escribindo unha entrada como se fose 2010

 

Nunha crise existencial causada polo claustro de comezo de curso, os meus ósos deron no Facebook1 coa publicación dunha profesora da facultade, na que había un vídeo recoñecible dentro dunha serie ben famosa cando comezaba este blog, Animation vs Animator (que podedes atopar na etiqueta animación, ao final dunhas cantas entradas). Mirade se pasaron anos, que a web que compartira do animador, Alan Becker, xa non está operativa(sería interesante saber que porcentaxe de webs .net desapareceron nestes anos).

O autor leva un ano creando vídeos dentro da lista de reprodución Animation vs Education, o que vin antes é o 3º da xeira, Animation vs Geometry:




Confeso que non coñecía o vídeo da Física, e que non rematei de ver o das Matemáticas, así que empecei a ver o novo(só de hai 2 meses!) con receo. E non axudou a estrela invitada que aparece aos dous minutos do vídeo, certamente. Teimas dun que xa vai vello.

Aínda así, continuei véndoo(axuda que dure menos de 10 minutos, non como os outros dous), e hai algunha cousiña que me sacou un sorriso, polo que o rematei con vistas a, quizais, poñelo algún día en clase.  



1 Efectivamente, ademais fago outras cousas modernas, como ver o teletexto para saber que películas ir coller ao videoclub

0 comentarios:

Publicar un comentario