Había tempo que non atopaba un concurso matemático, e hoxe mesmo, remexendo na web de Art of Problem Solving na pescuda dalgunha ecuación diofántica (o que vén sendo o combustible que mantén viva esta maldade interior), dei co Concurso Madhava da India. O que non deixa de ser curioso, tendo en conta que foi fundado en 2010.
Esta competición vai dirixida a estudantes do grao de Matemáticas, o que fai que inclúa desde problemas de álxebra elemental ata ecuacións diferenciais, pasando pola combinatoria. E mirando por riba axiña achei dous curiosos dentro desta última materia. Atendede.
Este mesmo xaneiro apareceu este problema, que me sorprende que non pensara antes dado o inmediato que é:
De cantos xeitos podes escoller un número impar de obxectos dun total de n obxectos?
Inclúo as opcións que dá o concurso:
a) $2^{n-1}$ b) $2^{n}$ a) $2^{n}-1$ a) $n$
A solución, coido, é fácil de intuír, vendo as opcións. Antes de velas elucubrei un anaco sobre dividir a análise en dous casos, segundo se n é par ou impar. Pero é moito máis sinxelo. E susceptible de facer unha demostración puramente combinatoria e argallar varios argumentos.
E velaquí outro, este de 2015, que non sei se vai exactamente de combinatoria pero como mínimo está na fronteira:
Hai 8 equipos na liga profesional de kabaddi. Cada equipo xoga con todos os demais equipos unha soa vez. Supoñamos que non pode haber empates. Sexan $w_1, w_2, \dots , w_8$ o número de victorias e $l_1, l_2, \dots , l_8$ o número de derrotas dos equipos $T_1, T_2, \dots , T_8$. Entón
a) $w_1^2+ \dots + w_8^2=49+l_1^2+ \dots + l_8^2$
b) $w_1^2+ \dots + w_8^2=l_1^2+ \dots + l_8^2$
c) $w_1^2+ \dots + w_8^2=49-(l_1^2+ \dots + l_8^2)$
d) Ningunha das anteriores
Estou certo de que hei pasar pola web deste concurso moitas veces no futuro(de feito xa estou enleado con algún problema...)

0 comentarios:
Publicar un comentario