8.6.10

Películas



Para facer un estudo dunha variable estatística que puidese resultar interesante aos alumnos pensei en buscar datos de videoxogos ou películas. Non atopei rapidamente ningún dato referente aos videoxogos que non houbese que agrupar, así que pensei en utilizar datos tirados dos Oscar. En concreto collín os premios á mellor película dos últimos 20 anos, e recoller tamén o resto de premios das películas gañadoras, ou o número total de candidaturas. Ao final escollín o total de premios das gañadoras, pero xusto antes de ir á clase decateime de que iso só me interesaba a min (ver este vídeo de Dan Meyer para entender o concepto, maxistralmente explicado nos primeiros 40 segundos), así que tiven que facer algo que resultase máis interesante, aínda que fose só imperceptiblemente. E o único que puiden improvisar consistiu en que os propios alumnos dixesen cantas desas películas viran. E aínda tendo en conta que moitas das películas son "para adultos", por exemplo non contaba que moitos visen "El paciente inglés", sorprendeume que moitos non viran "Gladiator", ou "Braveheart". Observade a lista completa das vinte gañadoras, co total de premios recibidos na última columna:


Por se alguén ten dúbidas, os títulos déillelos traducidos, así que non foi ese o problema. De momento só fixen a proba nunha clase, e a media da clase foi tres películas e pico vistas, cunha moda destacada de tres. Teño que pensar máis cuestións semellantes, das chamadas de "cultura xeral".
Respecto á sorpresa que levei, quizais é que un faise vello, e empeza a sorprenderse de calquera cousa. Cando observe os resultados noutra clase hei comentalos tamén.

4.6.10

A intelixencia dos chimpancés

Non tiña pensado actualizar hoxe, pero acabo de atopar un vídeo dun chimpancé que me deixou alucinado. Observade:




Creo que non deberíamos usar nunca máis chimpancé como sinónimo de torpe ou ceporro...
Este vídeo lembroume un de hai uns anos no que aparecía un chimpancé (supoño que outro) que demostraba coñecer as formas das cifras e unha impresionante velocidade ao seleccionalos en orde crecente. Ao comezar a escribir este post estaba seguro de que xa o colgara no blog. Como non me fío da miña memoria decidín facer unha busca e non o atopei onde pensaba que o incluíra, neste post (do 3 de marzo do 2009!) . Estaba case seguro porque naquel post recomendaba o xogo que practica o chimpancé, RAM. Non é demasiado tarde para sorprenderse da habilidade do chimpancé:





Alucinante, non si?

Para relaxar despois desta asoballante mostra da intelixencia dos simios, déixovos cunha canción dun dos meus grupos actuais preferidos, mesturada con imaxes de Watchmen:



Edito: acabo de lembrar que non era o xogo RAM o que me evocaba o vídeo do primate, senón este post de Microsiervos. Aló hai un xogo de velocidade mental, moi semellante ao comentado.




3.6.10

Despois do traballo

Os meus alumnos de 1º de E.S.O. fixeron un bo traballo na última unidade que traballamos, Proporcionalidade. Chegaron a clasificar como sinxelos problemas nos que máis dun alumno de bacharelato tería moito que pensar para chegar á solución. Por isto, e polo certo orgullo que me corresponde como profesor, hoxe é día para propoñer un par de cousas curiosas.

En primeiro lugar, un xogo, aínda que dos "de pensar", que xa saberedes todos os que ledes este blog que son os meus preferidos, xunto cos de habilidade. O xogo chámase Hello Worlds, comeza moi sinxelo pero chega a ser difícil moi cedo.

Ollade unha captura (non destaca no aspecto estético), onde podedes albiscar en que consiste a dificultade do xogo:



En segundo lugar, outra das miñas teimas, as ilusións ópticas e os obxectos imposibles. Vin hai pouco un vídeo en Microsiervos, procedente de New Scientist, onde explican como crear figuras imposibles:





O Ministerio de Cultura publicou un xogo na súa web, "El Juego de las Preguntas y Respuestas" (tampouco quedaron derreados de pensar), coa mecánica tradicional. Podedes escoller categoría entre Arte, Cine, Literatura, Ciencias e Tecnoloxía, Xeografía e Historia, Música e Teatro, ou ben podedes xogar con preguntas de tódalas categorías. Eu só xoguei en Cine e obtiven 570 puntos, a ver se me gañades.

Por certo, por se algún usuario do tuenti aínda non o sabe, acaban de incluír xogos (non era sen tempo) . Polo de agora hai poucos xogos e na miña opinión son un pouco pobres, pero esperemos que as opcións melloren co tempo. Esperemos tamén que os xogos que vaian aparecendo vaian máis na liña do Brain Buddies ou o Music Challenge do Facebook, e menos na das estúpidas granxas...

2.6.10

Simulacro de Proporcionalidade, %,...

Por se alguén da clase perde a folla, subín á wiki o simulacro de proporcionalidade:

Simulacro de Proporcionalidade-1º B

Desfrutádeo mentres poidades (é dicir, antes do exame de mañá)

1.6.10

Un problema (máis) de Martin Gardner

Nestes días posteriores á morte de Martin Gardner apareceron pola rede multitude de comentarios sobre Martin Gardner e a súa importante obra divulgadora das Matemáticas. Curiosamente, o propio Martin Gardner non era matemático profesional. A pesar do amplo coñecemento que posuía sobre o apaixonante mundo matemático, en realidade el estudara Filosofía na Universidade de Chicago.
Aínda hoxe, vinte anos despois da primeira vez que atopei un libro de Gardner na Biblioteca de Ferrol, sigo marabillándome ante a beleza dos problemas que propoñía e estudaba. Como mostra, esta pérola que atopei estes días pola rede:

Hai que dividir a figura en dúas figuras idénticas cun único corte (que obviamente non é necesario que sexa recto).