3.6.10

Despois do traballo

Os meus alumnos de 1º de E.S.O. fixeron un bo traballo na última unidade que traballamos, Proporcionalidade. Chegaron a clasificar como sinxelos problemas nos que máis dun alumno de bacharelato tería moito que pensar para chegar á solución. Por isto, e polo certo orgullo que me corresponde como profesor, hoxe é día para propoñer un par de cousas curiosas.

En primeiro lugar, un xogo, aínda que dos "de pensar", que xa saberedes todos os que ledes este blog que son os meus preferidos, xunto cos de habilidade. O xogo chámase Hello Worlds, comeza moi sinxelo pero chega a ser difícil moi cedo.

Ollade unha captura (non destaca no aspecto estético), onde podedes albiscar en que consiste a dificultade do xogo:



En segundo lugar, outra das miñas teimas, as ilusións ópticas e os obxectos imposibles. Vin hai pouco un vídeo en Microsiervos, procedente de New Scientist, onde explican como crear figuras imposibles:





O Ministerio de Cultura publicou un xogo na súa web, "El Juego de las Preguntas y Respuestas" (tampouco quedaron derreados de pensar), coa mecánica tradicional. Podedes escoller categoría entre Arte, Cine, Literatura, Ciencias e Tecnoloxía, Xeografía e Historia, Música e Teatro, ou ben podedes xogar con preguntas de tódalas categorías. Eu só xoguei en Cine e obtiven 570 puntos, a ver se me gañades.

Por certo, por se algún usuario do tuenti aínda non o sabe, acaban de incluír xogos (non era sen tempo) . Polo de agora hai poucos xogos e na miña opinión son un pouco pobres, pero esperemos que as opcións melloren co tempo. Esperemos tamén que os xogos que vaian aparecendo vaian máis na liña do Brain Buddies ou o Music Challenge do Facebook, e menos na das estúpidas granxas...

0 comentarios:

Publicar un comentario