Levo varios días sen actualizar porque non teño tempo físico. A verdade é que estou a traballar como nunca. O que non sei é se iso vai repercutir de xeito directamente proporcional na aprendizaxe dos alumnos.
Nesta longa non tan longa fin de semana hai que coller folgos, que chega o momento crítico da avaliación. Se queredes exercitar o pensamento lóxico aquí tedes un xogo de colocar pezas, baseado no tradicional Sam Loyd's Fifteen:
E un xogo que é simplemente de habilidade, pero que acae moi ben nestas datas:
Se tedes tempo e ganas de ler unha boa historia, botádelle un ollo. E algo máis curtiño, pero apaixonante: unha imaxe de alta resolución da nosa galaxia:
O método de Gauss leva dous días dando problemas en 1º de Bacharelato. E vaticino que aínda vai dar que falar outro par de días. Pensar que as súas contribucións matemáticas adoitan simplificar as cousas... Mirade esta breve reseña sobre a súa vida e obra:
Normalmente poño xogos aquí que teñen que ver en sentido moi amplo coas Matemáticas. Deste xeito teño incluído xogos de lóxica, de habilidade, de concentración,... Hoxe propoño un que acabo de ver que é puramente matemático:
Actualizo aproveitando que a mañá non está moi movida.
En primeiro lugar propóñovos un xogo no que tedes que adiantarvos ao movemento da pantalla, Gravity Grid, de tal xeito que unades os cadrados da mesma cor. O movemento só pode ser de xiro de 90º (no sentido das agullas do reloxo e no contrario) ou de simetría arriba-abaixo. Como tantas noutras ocasións, comeza sendo ben sinxelo para complicarse en fases posteriores.
Teño que confesar que eu son das persoas ás que lles gustan as "listas de cousas" en Internet. Como mostra, a última que me pareceu entretida, en ALT1040:
Preto xa do 1 de Novembro, atopei onte esta ilusión óptica que acae ben nestas datas, chamédeslles Todos os Santos, Samaín, Samhain ou Halloween.
Esta ilusión óptica (en movemento) está baseada nos mesmos principios que a Hollow Face Illusion que leva uns anos pola rede. Aparece nos vídeos relacionados do anterior, pero vouna poñer tamén aquí:
E seguindo os enlaces ata Mighty Optical Illusions vin este vídeo co tradicional truco de prestidixitación de seguir a bóla cos ollos. Polo menos iso é o que parece a simple vista.
Agora que xa viches o vídeo, volve velo pero concentrando a túa vista nalgún obxecto concreto do fondo. Aí aparece a parte de ilusión óptica deste vídeo. Desde logo, a realidade non é o que semellaba ao principio, non si?
Xa está ben por hoxe. Todos aqueles que teñades exame de Matemáticas esta semana, xa sabedes, a practicar e a pensar. Abur!
Estaba a ler o Google Reader e atopei este xogo, Geosense, no blog Wwwhat's new?. O xogo é similar ao Geo Challenge do Facebook ou o IQ Traveller Challenge (dos que xa falei por aquí), en cada rolda tedes que localizar un lugar no mapamundi. Tamén podedes cambiar a dificultade do mapa ou escoller o mapa de Europa. E, para que non se diga, un xogo de Matemáticas, The Equator, onde tedes que escoller 3 bloques numéricos da grella de tal xeito que dous deles dean o outro sumados, restados, multiplicados ou divididos.