14.8.12

Para quen lle gusten os números

Xoguemos un pouco con números naturais.


Imos seguir un proceso que nos vai levar do conxunto dos primeiros 4 números naturais a un único número en tres pasos. En cada paso do proceso colleremos ao chou dous dos números, chamémoslles a e b, e substituirémolos polo número a + b + a·b. Como en cada paso temos un número menos, en 3 pasos chegaremos a ter un só número.

Fagámolo dúas veces, a ver que pasa.
  1. Comezamos con {1, 2, 3, 4}. Collemos, por exemplo, o 2 e o 4, calculamos 2 + 4 + 2·4= 14
  2. Temos agora o conxunto {1, 3, 14}. Collemos ao chou o 1 e o 3, calculamos 1 + 3 + 1·3= 7
  3. Chegamos ao conxunto de dous números {7,14}. Calculamos finalmente 7 + 14 + 7·14= 119, número de presenza inofensiva.
Outra vez:
  1. Volvamos a {1, 2, 3, 4}. Collemos agora o 1 e o 4, calculamos 1 + 4 + 1·4= 9
  2. Atopamos agora o conxunto {2, 3, 9}. Collemos o 3 e o 9, obtemos 3 + 9 + 3·9= 39
  3. Nesta ocasión chegamos ao conxunto {2, 39}. Calculamos outra vez 2 + 39 + 2·39= 119
Outra vez 119? Non pode ser casualidade. Haberá que facelo outra vez:

  1. De {1, 2, 3, 4} collemos o 2 e o 3, calculamos 2 + 3 + 2·3= 11.
  2. De {1, 4, 11} collemos 1 e 11 e obtemos 1 + 11 + 1·11= 23
  3. En {4, 23} calculamos 4 + 23 + 4·23= 119
Se alguén cre que é puro azar, pode probar os distintos 12 camiños (12? non son 24? pois non...) que hai para seguir o procedemento, e así convencerse de que sempre aparece o 119.

Diante dunha sorpresa así, nun algoritmo tan sinxelo, ocórrenseme varias preguntas:

Que terá de peculiar o número 119?
Por que chegamos sempre a el mediante este proceso, independentemente do camiño que sigamos?
Pasará o mesmo se comezamos co conxunto dos primeiros 10 naturais?
Podemos adiviñar o número final e a súa relación co conxunto de partida?

E finalmente... gústanche este tipo de xogos?

17.7.12

A suba do IVE

Nos puntos porcentuais non penso entrar...

Para entendermos de xeito cabal a competencia matemática e o nivel de esforzo que require acadala é sempre útil botar unha ollada ao tratamento que fan os xornalistas deste país das novas nas que aparecen números, proporcións, porcentaxes, gráficas,... e deste xeito compararmos o coñecemento e a destreza que teñen adultos "competentes" coa que queremos que obteñan os alumnos arredor de 3º de E.S.O. O tema é recorrente neste blogue, como pode ser comprobado aquí,  aquí ou aquí.

Hoxe é necesario revisar un concepto que adoitaba ser, senón sinxelo, polo menos non complicado: a porcentaxe. Con motivo dos recortes á calidade de vida da cidadanía e á suba de taxas, estamos a contemplar necedade tras necedade na explicación de todas aquelas medidas nas que hai que entender unha maldita porcentaxe. Eu vin varios "informativos" (destes que en verán amosan as praias e preguntan aos paisanos se vai calor, meten publicidade presentada polos propios locutores que un segundo antes anunciaban as novas, informan das vodas de futbolistas dentro da mal chamada sección  "Deportes"...) nos que, máis que informar das subas, meteron a zoca ao non entenderen as porcentaxes relativas. Vexamos o asunto:

Todos debemos de ser conscientes a estas alturas de que o I.V.E. (Imposto sobre o Valor Engadido) vai subir en España. Algúns terán descuberto agora que o I.V.E. non é único, senón que ten distintos tipos, segundo os produtos e servizos gravados. Respecto aos produtos, o tipo superreducido é aplicado a produtos de 1ª necesidade, como alimentos básicos (pan, leite, lácteos, ovos, froitas, verduras,...), xornais, libros (en papel), ... O tipo reducido corresponde a case todo o resto de alimentos (incluída a auga) se son de consumo habitual. E o tipo xeral para tódolos produtos non contemplados nos dous anteriores. 
E cales son eses tipos?

Pois ben, durante moitos anos (desde 1992 ata 2010) tiñamos asimilado que os tipos eran:


  • Xeral: 16%
  • Reducido: 7%
  • Superreducido: 4%
Os dous primeiros cambiaron en xullo de 2010, pasando a ser:

  • Xeral: 18%
  • Reducido: 8%
E agora queda a cousa así:

  • Xeral: 21%
  • Reducido: 10%
  • Superreducido: 4%

Cal é o problema con esta nova situación? Supoño que calquera adulto que fose á escola saberá que para coñecer o prezo final dun produto dentro do tipo xeral só ten que calcular o 21% do prezo sen IVE e posteriormente sumarllo. Pero que sucede cando non coñecemos o prezo sen IVE senón o prezo co IVE anterior do 18%?

Non, a resposta non é a que dan algúns xornalistas, que propoñen facerlle o 3% ao prezo anterior e sumarllo. A razón é obvia (tanto que en tódalas aulas que levo dadas de 1º de E.S.O. sempre hai alumnos que saben explicala): sucede que o 3% aplícase ao prezo sen IVE, non ao prezo co IVE previo. Vexamos cun exemplo como calcular o prezo novo dun produto que antes custaba 40 €:


  • Primeiro calculamos o prezo sen o IVE do 18%. Isto faise nos primeiros cursos da E.S.O. cunha regra de tres, a partir de 3º utilízanse os índices, que son máis eficientes: 40 : 1'18 = 33,898 €
  • E agora calculamos o prezo co novo IVE: 33,898 ·1'21 = 41,017 ≈ 41'02 €
Que pasa se un é un mangante e non quere botar estas contas cada vez que o necesite? Pois só ten que ollar con coidado a estrutura do proceso: 1º dividir entre 1'18, 2º multiplicar por 1'21. O resultado é o mesmo que se multiplicamos directamente o prezo vello co IVE do 18% por 1'21/1'18, que é aproximadamente 1,025, o que corresponde a unha suba do 2'5% (e non do 3% como dixeron algúns xornalistas)

Un proceso exactamente igual leva a que nos produtos dentro do tipo reducido a suba foi do 1'85%

Tan complicado era?

4.7.12

Problemas para xullo


Si ou non?


Como é probable que este blogue estea parado durante o verán, vou deixar uns problemas suficientemente difíciles para que queden ben na portada. As fontes e o estilo son variados, observade:


  • Coloquemos n puntos nunha circunferencia (si, outra vez) e unámolos todos mediante cordas, de tal xeito que non haxa tres desas cordas que pasen polo mesmo punto interior á circunferencia. Cantos triángulos formados pola intersección das cordas aparecen dentro do círculo? (é dicir, non serven os que teñen un dos vértices nos n puntos do inicio). Déixovos un debuxo para cando collemos n = 6  puntos, onde podemos comprobar que só hai un triángulo válido:

  • Imaxinemos tódolos números naturais do 1 ata 1 millón escritos diante de nós. Se collemos ao chou un número, que é máis probable: que teña un 1 entre as cifras ou que non?

  • Un máis "técnico": Dun triángulo sabemos que as súas alturas miden 3, 4, e 6 cm. Cal é o seu perímetro?


  • Que número é maior,


  • Tracemos os puntos medios dos lados AB e AC dun triángulo equilátero e chamémoslles E e D. Unamos E e D cun segmento, e prolonguémolo ata que corte á circunferencia circunscrita ao triángulo nos puntos F e G. Amosar que a razón entre o segmento DE e o segmento EG é a razón áureaφ:


Sorte cos problemas, só tede coidado, que hai un problema algo máis difícil que os outros 4...





25.6.12

Blade Runner

It's too bad she won't live! But then again, who does?

Continuando cos aniversarios, hoxe van 30 anos da estrea de Blade Runner. Película de culto geek por excelencia, pasou á historia na época na que a xente compartía películas en formato VHS e non nas redes P2P (eu non coñezo a ninguén que a vise na súa estrea nos cines). Aínda que non debe de quedar humano nin replicante sen sabelo, a película está baseada máis ou menos libremente no relato longo (ou novela curta, non estou seguro) de Philip K. Dick Do androids dream of electric sheep? (Soñan os androides con ovellas eléctricas?). Non é a única película baseada en relatos ou novelas de Dick, en realidade hai unha longa serie: Total Recall (Desafío Total) é unha versión cinematográfica de We can remember it for you wholesale, Minority report do relato do mesmo título, o mesmo sucede con Paycheck , Screamers (Asasinos cibernéticos, vaia título!) transcribe ao cine Second Variety,... e moitas outras, de resultado irregular.

Blade Runner pasou desapercibida nas salas de cine, circunstancia á que axudou que foi estreada só dúas semanas despois de E.T., que obviamente é ciencia ficción máis axeitada para o gran público. Ao mito creado arredor da película contribuíu que Philip K. Dick non chegou a vela estreada, e a montaxe final deu lugar a multiplicidade de historias que tentaban explicar baleiros ou trampas no guión. O propio director, Ridley Scott (que xa creara outra grandes obra do cine de ciencia ficción, Alien) levou a cabo un Director's cut en 1992, e aínda houbo un Final Cut en 2007.

Como coincidencia inquietante, observade este texto en forma xornalística que servía de introdución ao libro:


A TURTLE WHICH EXPLORER CAPTAIN COOK GAVE TO THE KING OF TONGA IN  
1777 DIED YESTERDAY. IT WAS NEARLY 200 YEARS OLD. 

(No relato de Dick a relación dos humanos cos animais e as súas emulacións cibernéticas cobra máis importancia que na película)

Comparade con esta nova da BBC de hoxe mesmo:

A dirección do Parque Nacional das Illas Galápagos informou de que O Solitario Xurxo, unha tartaruga xigante de arredor de 100 anos e que se pensa que é a derradeira da súa especie, acaba de morrer.

Lembro Blade Runner desde que a vin de neno na televisión. Probablemente o xénero de ciencia ficción e a estética, tanto no referente ao visual como á música, foi o que me chamou a atención, realmente non creo que entendese a historia a primeira vez. Anos despois volvín vela unha morea de veces. En canto tiven a oportunidade lin tamén o relato que lle deu orixe, que non é un dos meus preferidos de Dick, seguramente poría antes nunha listaxe as novelas Ubik e Our friends from Frolix 8 ou , en relatos breves, Second Variety. Estou certo de que a película en certo sentido transcendeu a súa orixe literaria, suceso non moi común, desde o meu punto de vista.

Se tedes a sorte de non ter visto a película, non esperedes máis, baixádea xa. E se dades co libro lédeo tamén, e non vos paredes aí, buscade as coleccións de relatos de Philip K. Dick. É un verdadeiro pracer. Crédeme.

Para rematar este revival, que sorte que teñamos un artista, Anders Ramsell (nacido un ano antes da estrea), que está a recrear a película mediante unha animación feita sobre... acuarelas!


23.6.12

Alan Turing, 1100100


Se entrades na páxina principal de Google, cousa que eu cada vez fago menos desde que navego co Chrome, veredes un doodle referido á famosa máquina de Turing, cun aquel steampunk. Isto non sería máis que outra homenaxe no ano de Alan Turing, en particular polo aniversario número 100 do seu nacemento, se non fose por un pequeno detalle: o símbolo que asociamos automaticamente co "Play" (polo menos desde a época dos cassettes). Isto indica que hai algo interactivo no doodle.
Se tedes algo de curiosidade, ide a Google e descifrade o funcionamento da máquina. Cada nova etapa pintará de cor o logo de Google. É unha pequena pinga no mar de agradecemento que lle debemos a Turing, lembremos que o Reino Unido non aceptou perdoar a Turing por grave indecencia.

Internet ferve neste aniversario, non é para menos:

Turing Round Up
Remembering Alan Turing
Google celebra el 100 cumpleaños de Alan Turing

Se o doodle non é difícil abondo, probade este reto do Science Museum de Londres:

Codebreaker Challenge