Actualizo hoxe con varias novidades pois é probable que non teña moito tempo esta semana, debido a un curso de Geogebra que teremos en marcha a partir do mércores no instituto.
A primeira, unha ilusión óptica, na que o máis interesante resulta contar canto tempo tardamos en estar seguros de que non é unha espiral. Tamén creo que é interesante se nese proceso colocamos algo (por exemplo, a nosa man) tapando partes da figura.
atopado en Mighty Optical Illusions, vía Neatorama
E a segunda un vídeo no que vemos como acenden as partículas do fume dunha vela:
O anterior forma parte do habitual que colgo neste blog. Agora quero pasar a un tema, o cine, que só tratei nunha ocasión, cando falei da película Ágora. E daquela estaba xustificado porque o personaxe protagonista da película, Hypatia, foi unha das científicas da antigüidade.
Hoxe non quero falar de películas sobre personaxes da ciencia. Só quero falar (mal) deste "novo" fenómeno das películas 3D.
Onte fun ver Clash of the Titans en 3D. Hai uns meses vin Avatar, tamén en 3D. Xa hai multitude de críticas na rede, ata nos medios tradicionais, como podedes ver aquí. Pero alén da baixa calidade visual das películas citadas, eu centro a miña crítica nas propias películas, no que me importa a min cando vou ver unha película: a historia e como a historia está narrada. Non sigades lendo se non vistes algunha das películas, pois quizais dea detalles que non queredes saber.
Para alguén cuns mínimos coñecementos do ciclo de Perseo, ver Clash of the Titans é unha lenta agonía (polo menos non chega a dúas horas). A mitoloxía grega leva seducindo a millóns de lectores desde hai tanto tempo que cabe preguntarse pola soberbia dos guionistas desta pésima adaptación da lenda de Perseo (polo menos ao final da película avisan de que está baseada na película na que Harry Hamlin fai de Perseo, de 1982) . Especialmente dolorosa foi a inclusión de Ío nesta película, pero hai máis, como os personaxes de Ozal e Kucuk, que ademais de estar incluídos na película como unha concesión ao público Disney (agora que lembro, vaia bazofia Hércules de Walt Disney, tamén) , desaparecen aos cinco minutos e non xogan ningún papel na historia! E ademais, hai uns elementos que parecen tirados do Episodio 6 de Star Wars (se vistes a saga orixinal, saberedes de que estou a falar)
O de Avatar é distinto. A película é mala, non tanto como a anterior, pero rotundamente mala. Ten a súa graza que haxa xente que defenda o espectáculo visual que representa Avatar que seguramente non defenda dese xeito os videoxogos. Pois para alguén coma min, que ten xogado a uns cantos videoxogos (desde hai máis de 20 anos, btw), visualmente Avatar é pobre: os Na'vi non son máis que debuxos animados cutres, como os que podedes ver calquera día en canles como Disney XD ou Clan. Se algún día eses que falan pestes dos videoxogos queren aprender algo, que vexan os gráficos dos xogos das sagas Final Fantasy ou God of War. E aínda poderán apreciar maior riqueza argumental en xogos como Max Payne ou Silent Hill 2 (os xogos, non as películas, ollo), Portal ou Braid que en toda a trapallada azul de Avatar, que como moita xente ten comentado xa, non é máis que a revisión feita por James Cameron de Pocahontas. Para rematar, poño aquí o guión reducido de Pocahontas-Avatar:
Antes de Clash of the Titans vin o trailer 3D de Alicia de Tim Burton. Como esta tamén me decepcione, non vexo outra película en 3D, que polo momento non parece outra cousa que un método de encubrir historias mediocres.
0 comentarios:
Publicar un comentario