12.9.10

Blade Runner revisitado

Hai xa un tempo que foi publicada en vimeo esta homenaxe a Blade Runner, ben coñecida película que forma parte da historia do cine e da cultura geek en xeral. Como curiosidade, agora ocupa o lugar 113 na listaxe de 250 películas elaborado a través da votación dos usuarios da Internet Move Data Base, aínda que non é unha votación moi fiable, debido ao nesgo habitualmente producido polos últimos éxitos efímeros. Por exemplo, a cuarta posición é ocupada por Inception, película á que non lle resto calidade (en realidade gustoume moito) mais dubido que mereza esa posición.
A película de Ridley Scott representa un caso curioso de adaptación dunha novela ao cine: mentres que o relato no que se basea, Do androids dream of electric sheep?, do autor Philip K. Dick, sendo unha boa novela breve, non chega ao nivel de excelencia doutras das súas obras (e estou a pensar tamén en certos contos), a película si chegou ao nivel de fito do cine. Se non vistes aínda Blade Runner, buscade un oco e dádevos ese pracer. En certo sentido tedes a sorte de non tela visto aínda. Os que xa a vistes, recoñeceredes moitos dos planos desta montaxe, que está dispoñible en HD en vimeo:


BLADE RUNNER revisited >3.6 gigapixels from françois vautier on Vimeo.

0 comentarios:

Publicar un comentario