Van nove anos de Matemáticas na Rúa. Como os que len este blog xa coñecen ben de que vai, vou limitarme a comentar o que vexo máis interesante deste período.
En primeiro lugar, non sei se fiarme moito do contador de visitas de blogger, pois hai un desfase enorme entre as primeiras entradas do ano, ata abril aproximadamente, e as do resto. Ata o punto de que a entrada aniversario dos 8 anos tivo 1000 visitas e a seguinte, Matemáticas para Profesorado de Educación Secundaria, 1175, mentres que unha entrada random, p.ex., Como sumar cunha parábola, 76. De vez en cando vexo orixes de visitas un tanto estrañas, supoño que será un novo avatar dos ataques spammers.
Descontada esta perversión, a entrada que semella ter máis visitas xenuínas é Ensinamos ben as Matemáticas?, con 381 visitas(entre dúas entradas con 83 e 62). Como vén sendo habitual, a entrada máis vista ten 0 comentarios, o que implica que se alguén viu algo interesante na entrada, é máis probable que comentase algo en twitter ou Facebook que no blog.
Por contra, a entrada máis comentada foi Reflexionemos, pois, debido a que é unha sorte de continuación dunha entrada nos Retallos de Matemáticas. Outras entradas comentadas foron Problemas matemáticos da Lusofonía-3(non hai como meter a zoca nunha solución, é o equivalente a escribir algo en twitter con faltas de ortografía) e o recente Nadal 2017- Problema 2.
Iso con respecto ao cuantitativo, imos ao cualitativo:
Se eu fose un lector alleo a este blog, coido que acharía interesante, alén de problemas aquí e acolá, a devandita entrada Ensinamos ben as Matemáticas? Na mesma liña vai a crítica que fixen en Conferencia de Claudi Alsina no CIBEM 2017. Nas dúas entradas tento debullar os argumentos que se adoitan pintar con brocha gorda cando se fala da educación matemática, non sei se con éxito, porén quedei satisfeito co que escribín.
Outra entrada con certo interese é Libros, na que por fin elaborei unha pequena compilación das fontes que, dun xeito ou outro, marcaron profesionalmente a este blogueiro.
Dentro dos problemas recuperaría Unha sorpresa elemental, aínda que, como apuntou Cibrán, a idea xa aparecera por acó. En realidade, a idea é tan curiosa que non me sorprendería que a trouxese noutra ocasión.
Ben, nada máis por este ano. En dous días teño que lograr que ninguén entenda nada de logaritmos, xa me tarda.
0 comentarios:
Publicar un comentario