26.2.22

Outro exercicio inverso

 

Hai 8 anos escribín unha entrada coa gráfica dunha función impar, van tantos anos xa que nin lembro a motivación que me levara a esa función en concreto. A entrada pedía que se atopase a expresión alxébrica da función sen máis axuda que a gráfica, e houbo un novo comentarista que tivo éxito, comentarista que resultou ser alumno do compañeiro Cibrán.

Hoxe vou compartir un exercicio análogo que atopei no borrador do libro Strategies of Problem Solving, da matemática da California State University Maria Nogin

   
Enténdese só coa gráfica e as etiquetas? A gráfica está composta por cachos alternos nos que vai coincidindo con 1+cosx e con 1-cosx. A idea é atopar unha única expresión alxébrica que se corresponda con esa gráfica. E tería máis mérito se non facedes antes as gráficas co geogebra.

Non coñecía eu o libro de Maria Nogin, en realidade cheguei a el desde The Mathematics of Various Entertaining Subjects, Vol. 3, de Jennifer Beineke e Jason Rosenhouse, que como os demais volumes desa serie, ten moitas matemáticas abraiantes dentro.

Aproveitando a marea, vou deixar outra adiviña, esta fóra do traballo da secundaria. Que transformación leva o cadrado da esquerda ao trevo da dereita? Pista: igual é máis sinxelo compoñer unhas poucas transformacións elementais de xeito consecutivo...


    



Espero que vos preste resolver a 1ª adiviña tanto como a min, e resolver a 2ª tanto como a min creala.




0 comentarios:

Publicar un comentario