11.12.09

Aviso aos alumnos de 3º C de E.S.O.

Se queredes practicar para o exame do martes, subín á wiki o simulacro, pero sen solución. A ver se mañá á mañá teño tempo para resolvelo:

Simulacro sen solución da 1ª Avaliación-3ºC


Hai cousas ben difíciles, xa veredes...

10.12.09

Problemas, máis problemas...

Pero non moi difíciles, que isto non é o exame de 2º de E.S.O. que vou poñer mañá (lédeo con risa maquiavélica):

  • Es quen de conectar 12 destes puntos formando unha cruz de tal xeito que queden 5 puntos dentro da cruz e 8 fóra dela?




  • Podedes atopar dous números naturais que cumpran as seguintes condicións:
  1. A diferenza dos seus cadrados é un cubo perfecto.
  2. A diferenza dos seus cubos é un cadrado perfecto.

  • Na seguinte estrela hai 12 puntos unidos por 6 rectas con 4 puntos cada unha. Move 4 deses puntos de tal xeito que na figura resultante haxa 7 rectas con 4 puntos en cada unha:



A ver se alguén fai algún problema!

7.12.09

Por fin: un problema




Rea e Saturno, desde a sonda Cassini-Scientific American


Antes de liscar para Ferrol teño un chisco de tempo para propoñer un problema, que non por coñecido deixa de ser interesante. Ás veces un confunde o seu propio coñecemento co dos seus alumnos e colegas, e un problema que un veu xa en demasiadas ocasións perde interese intelectual, o que non quere dicir que perda interese docente. Hai que poñerse no lugar do descoñecedor, lembrando a primeira vez que un fixo o esforzo por resolver o problema. Exemplos de problemas recorrentes son (algúns polo alias típico e outros máis de lóxica que de Matemáticas):
O problema das fillas de Einstein, as cordas que cinguen a Terra polo Ecuador e un balón de fútbol, o oso e o cazador, o problema do cadrado dos nove puntos, o problema dos cabaleiros e os escudeiros, a balanza e as moedas (unha delas de distinto peso),...

O problema de hoxe non ten nome, pero na resolución hai unha pequena idea moi elegante (ai, a Teoría de Grafos, cantas xoias deixa!). Recupereino ao velo no blog Minute Math da Asociación Matemática Americana. Gozade de buscar a solución, aqueles que non o coñezades. Que sorte tedes. Unha sorte moi semellante á de non ter lido algúns libros que proporcionan experiencias inesquecibles. Non sigo por ese camiño, quizais un día con ganas e forzas abondo porei unha lista de libros que deixaron pegada. Hoxe, Matemáticas:

Nunha festa cada home bailou con exactamente tres mulleres, e cada muller con exactamente dous homes. Sabendo que foron doce homes á festa, cantas mulleres asistiron?


E se non sae, sempre podedes usar o cerebro neste xogo, Continuity, no que garanto que hai que pensar un anaco:



Continuity by Ragtime Games

O obxectivo é abrir a porta despois de coller a chave. Problema: tedes que mover as pantallas de tal xeito que haxa unha "continuidade" entre elas e o boneco poda circular. As teclas son as do cursor e o espazo para pasar do "modo puzzle" ao "modo movemento".
Abur!

5.12.09

Como facer entender?

Esta, e non outras, é a pregunta que me martiriza cando vexo as caras dos meus alumnos. Se damos creto ás teorías modernas en vigor, onde o profesor simplemente orienta aos alumnos no camiño da aprendizaxe (mode Zen:ON), estes alumnos descubrirían os conceptos, e os procedementos caerían polo seu propio peso. Ás veces gustaríame que os alumnos fosen autónomos abondo para aprender do que len. Pero aínda están moi afastados dese punto.
Concretando, o que me levou polo camiño da amargura esta semana foi a miña incapacidade para que unha porcentaxe significativa de alumnos dunha clase entendesen a seguinte idea, esencial para comprender a fórmula que calcula o xuro composto. Expoño a situación:

Se unha consola de videoxogos custa 600 €, e sofre dúas rebaixas consecutivas do 20 %, cal é o seu prezo ao final?
(Por certo, problema transformado desde a realidade, modificando as porcentaxes minimamente para facer os cálculos sinxelos, se seguides o mercado dos videoxogos saberedes)
Desde logo os alumnos dominaban o xeito lento e low-tech:


$$20 \ \% \ de \ 600 = \frac{600 \cdot 20 }{100}=\frac{12000}{100}=120$$ $$600 - 120 = 480$$ $$ 20 \ \% \ de \ 480 = \frac{480 \cdot 20 }{100}=\frac{9600 }{100}=96 $$ $$ 480 - 96 = 384$$

Pero para progresar nesta unidade, é imprescindible dominar o xeito high-tech:
$$600 \cdot 0.8^2 = 384$$
O problema concreto na aula comezou cando observei que a frase:

"Se facemos unha rebaixa do 20 % acabamos pagando o 80 %"

non era entendida por moitos dos meus alumnos, nin sequera despois de explicala asistido polas contas que había no encerado. Tampouco ao tentar simplificar o asunto indo ao cerne:$$ 100\%-20\% = 80\% $$ que escrito en fraccións é:
$$\frac{100}{100}-\frac{20}{100}=\frac{80}{100}$$
e en tantos por un queda:
$$1-0.2=0.8$$
(Case dá risa escribir isto)
E tamén expliquei o encadeamento de porcentaxes, así que o problema tampouco debería estar no cadrado do 0,8.
Debería empezar a botarlle as culpas a un bloqueo emocional? (tan en voga hoxe en día) Calquera que estivese nunha aula comigo sabe que a miña relación cos alumnos non é exactamente, como dicilo, ... autoritaria, (quizais sexa a palabra axeitada). Pero iso xa sei que non é ningunha garantía.


Este problema de aprendizaxe é semellante ao que adoita ocorrer cando propoñemos en niveis anteriores (1º e 2º de E.S.O., normalmente) problemas "inversos" de fraccións. Un exemplo de problema directo sería:

Bebín tres quintos dunha botella con 100 centilitros de leite. Canto leite queda?

Un de problema inverso:

Gastei tres quintos dos cartos e agora teño 40 €. Cantos cartos tiña?

O habitual é axudar a explicación dun gráfico onde amoses que a fracción habería que aplicarlla a un número descoñecido, o que non é factible. Mediante o debuxo, (normalmente un segmento ou un rectángulo) un pode traballar cos anacos sen reparar na aritmética. Como exemplo máis elaborado, un problema tirado dun exame do ano pasado:

De tódalas criaturas da Terra Media, os elfos representan un terzo. Entre os elfos, dous quintos son descendentes de Noldor, mentres que o resto son descendentes de Feänor. Sabendo que os descendentes de Noldor son 200000, calcula cantos descendentes de Feänor hai e o número total de habitantes que pisan a Terra Media.

A solución xeométrica que lles proporcionei ao rematar o exame era a seguinte:


Click na imaxe para vela ben

Obviamente falta a sucesión temporal que lle da coherencia e sentido aos números do gráfico (é dicir, o que facemos os profesores nas clases)

Todo isto vén para amosar que, aínda despois de que os alumnos resolvan problemas deste xeito, se o tentan resolver dun xeito aritmético, o que fan é aplicarlle a fracción ao número final. E non hai volta.
E nestas andamos.

4.12.09

Correndo, sempre correndo




E sempre chego tarde, como o coello de Alice in Wonderland que vedes enriba. Por certo, non lembro xa quen mo preguntara, pero a frase que serve como subtítulo do blog:

"When I use a word... it means just what I choose it to mean"

está tomada da continuación dese libro, Through the looking glass and what Alice found there, que xunto ao primeiro é unha lectura obrigada para todos aqueles interesados polas Matemáticas (na miña opinión, claro). A frase é pronunciada por Humpty Dumpty nunha conversa con Alicia, pouco despois de ver a famosa conta:


onde todos podemos comprobar que é moito mellor celebrar días nos que non cumpres anos que días nos que si.

Levo varios días que nin sequera leo completamente as miñas fontes de información no google reader. O máximo que fago é destacar o que máis me interesa para lelo cando teña tempo. E agora teño un feixe de cousas pendentes de lectura, e varias que comentar.

Por exemplo un xogo que mestura o xénero de atopar as diferenzas entre dúas imaxes e o xénero de ordenar as partes dunha imaxe. Chámase Magic Factory, e dá para xogar un anaco. E outro xogo, de carácter máis matemático (principalmente para todos os que saiban do Teorema das 4 cores), é o seguinte, Flood Fill, no que tedes que pintar cada rexión do "mapa" dunha cor das 4 posibles de tal xeito que dúas rexións veciñas non estean pintadas da mesma cor. Ánimo, que ningún dos dous xogos é demasiado complicado.

E vin en Boing Boing este vídeo que inclúe dúas cousas ben fermosas: unha sucesión de imaxes en time-lapse do ceo e a Sonata para piano nº 14 de Beethoven. Vede o vídeo aquí embaixo en resolución normal ou ide á web de Vimeo para velo en HD, e xulgade:




Timelapse movie: The Alps -- part II (night) from Michael Rissi on Vimeo.