1.10.10

IG Nobel 2010






Un ano máis saíron publicados os premios IG Nobel. Dos galardóns deste ano teño que salientar:
  • Medicina: Simon Rietveld da Universidade de Amsterdam e Ilja van Beest da Universidade de Tilburg (Países Baixos) por descubrir que os síntomas da asma poden ser tratados mediante viaxes en montaña rusa.
  • Paz: Richard Stephens, John Atkins e Andrew Kingston da Universidade de Keel (Reino Unido), por confirmar a crenza xeralizada de que xurar alivia a dor.
  • Xestión: Alessandro Pluchino, Andrea Rapisarda e Cesare Garofalo da Universidade da Universidade de Catania (Italia), por demostrar matematicamente que as empresas serían máis eficientes se ascendesen aos empregados aleatoriamente.
  • Física: Lianne Parkin, Sheila Williams e Patricia Priest da Universidade de Otago (Nova Zelanda), por demostraren que, en camiños xeados no inverno, a xente esvara menos se leva calcetíns por fóra dos zapatos.
Podemos comprobar nesta mostra que o nivel de bo humor destas investigacións non minguou esta temporada.

29.9.10

Dous xogos estraños

Había tempo que non vía uns xogos tan raros.

  • Feign é sinxelo: só hai que atopar nove corpos (siluetas) humanos, para o que temos que movernos por un laberinto tridimensional do máis minimalista. A dificultade radica en que as paredes non sempre son o que parecen, ademais da complicación de moverse cando non hai referencias espaciais.



  • Por outra banda, Symon non é tan estraño desde o punto de vista visual. A súa rareza consiste na historia que desenvolve: estás dentro dun soño, e terás que actuar en consecuencia, é dicir, estás obrigado a razoar ao xeito perverso propio do mundo onírico.



23.9.10

8 Bits

Como tódolos comezos de curso, é complicado atopar tempo para actualizar o blog. Aínda así, hoxe vin dúas cousas que me chamaron a atención; paso a comentalas:

En NeoTeo lin un post sobre un vídeo independente de animación, 8 Bits, que, sen seguir a corrente retro tan de moda actualmente, faille unha homenaxe á época gloriosa dos videoxogos:





E en Microsiervos falaban antonte de Möbius Comic, unha curiosa idea: un cómic impreso na superficie dunha Faixa de Möbius. Déixovos a imaxe estática, podedes ver na ligazón un gif animado do bucle que se crea:






18.9.10

Conecta 4 en 3D

A piques de comezar de verdade o novo curso, aínda hai tempo para xogar un pouco. Neste 3D Tic-Tac-Toe temos a posibilidade de escoller nivel entre easy, difficult e insane. Non vos recomendo xogar no easy despois da primeira tentativa, non tería máis interese que o Sudoku binario.



12.9.10

Blade Runner revisitado

Hai xa un tempo que foi publicada en vimeo esta homenaxe a Blade Runner, ben coñecida película que forma parte da historia do cine e da cultura geek en xeral. Como curiosidade, agora ocupa o lugar 113 na listaxe de 250 películas elaborado a través da votación dos usuarios da Internet Move Data Base, aínda que non é unha votación moi fiable, debido ao nesgo habitualmente producido polos últimos éxitos efímeros. Por exemplo, a cuarta posición é ocupada por Inception, película á que non lle resto calidade (en realidade gustoume moito) mais dubido que mereza esa posición.
A película de Ridley Scott representa un caso curioso de adaptación dunha novela ao cine: mentres que o relato no que se basea, Do androids dream of electric sheep?, do autor Philip K. Dick, sendo unha boa novela breve, non chega ao nivel de excelencia doutras das súas obras (e estou a pensar tamén en certos contos), a película si chegou ao nivel de fito do cine. Se non vistes aínda Blade Runner, buscade un oco e dádevos ese pracer. En certo sentido tedes a sorte de non tela visto aínda. Os que xa a vistes, recoñeceredes moitos dos planos desta montaxe, que está dispoñible en HD en vimeo:


BLADE RUNNER revisited >3.6 gigapixels from françois vautier on Vimeo.