Levo 3 días buscando tempo para completar este post. Entre o traballo ordinario do instituto e outras tarefas inescusables non dou feito. Xa ata nos comentarios me chaman a atención!
Antonte, 29 de setembro, estabamos a 27º en Valdeorras. Neste contexto as Matemáticas multiplican a dificultade. Onte chegou a chover, e hoxe hai unha néboa ben espesa. Semella que por fin entramos no outono.
Como aínda non comentei o xeito de deixar comentarios no blog en 1º de E.S.O., os problemas van ser sinxelos.
Pero en primeiro lugar, que vos parece a ilusión óptica de máis enriba que atopei en Futility Closet? Se vos fixades ben en calquera dos obxectos veredes que ... está totalmente estático!
Ao choio: Se a un reloxo lévalle 7 segundos dar as 7, canto tempo lle levará dar as 10?
E por certo, dixen que era sinxelo, non unha parvada, así que nin pensedes na resposta obvia.
Agora un xogo de mover pezas máis difícil do habitual. Chámase Change the Nine, atopeino en Passion for Puzzles. Tedes que chegar á figura pequena da dereita movendo as bólas facendo cadrados de 4 bólas. Hai unha solución en só 9 pasos. Se alguén é que de resolvelo, que mo comente na clase.
Aínda non tiven tempo para actualizar como é debido este blog. Tiña pensado comezar de novo co inicio do curso,creo que fun optimista de máis. O traballo cotián do instituto, tendo en conta que este curso dou 5 niveis distintos, é tarefa abondo para estes días. Aínda que teño que dicir que dar en 5 niveis distintos, ademais dese traballo que dá, é, polo menos para min, moito máis entretido. Así que actualizo hoxe para non deixar que colla moito lixo. Máis adiante volverei aos problemas de nivel olímpico e os problemas de lóxica, polo momento hoxe vou comentar un par de cousas que vin por aí:
En primeiro lugar un vídeo time-lapse que atopei en ALT1040:
E agora un curioso xogo que vin en Indie Games, A Mazing Monk, de onde está tirada a imaxe de enriba. Só ten dous modos (normal e hard), con 3 niveis cada un, e lembra ao Cubo de Rubik polo movemento do terreo de xogo. Non explico as regras e o movemento, que son moi intuitivos. O único problema é que é probable que teñades que instalar o plug in do Unity Web Player, pero non leva moito.
E como aínda non é hora de propoñer cousas moi difíciles, outro xogo onde hai que demostrar máis habilidade que perspicacia, Fat Slice, onde tedes que cortar co movemento do rato as figuras que aparecen en pantalla ata acadar unha porcentaxe da figura. Moi difícil non é, pero é divertido, e un pouco desesperante se non sae algunha fase.
E chegou finalmente. Cos non presentados, os exames en branco, os catros e pico e os non-chegou-ao-1. E volven as novas de educación, que adoitan variar entre as malas e as peores, seguindo a máxima que di brevemente, good news, no news. Vexo en Público que
E asáltanme varias preguntas. E algunha obxección, tamén. En primeiro lugar, saben os lectores dese xornal que é o fracaso escolar? Saben ademais que é a OCDE e que países están afiliados?
Gustaríame que aparecesen datos de cando estudaba eu en secundaria (comecei o B.U.P. no curso 1991-92). Tempos nos que a educación obrigatoria remataba aos 14 anos, e había unha criba antes do B.U.P.(para ser veraces había cribas antes no ciclo superior de E.G.B.) Lembro perfectamente a moitos compañeiros do colexio que non foron ao instituto. Tamén lembro a etiqueta "non vale para estudar". Perfectamente. Como se fose hoxe mesmo.
E tamén me gustaría que os lectores (supoño adultos) da nova soubesen artellar un comentario despois de ler completamente a nova. Dá a impresión lendo eses comentarios que a educación de hai anos tampouco era tan boa...
En fin, agora xa pasamos os exames de setembro e é hora de sermos optimistas ante o novo curso, e os novos (e vellos) alumnos. Así que comece o curso volverei actualizar de xeito habitual o blog con temas máis ou menos matemáticos. Pero hoxe enlazo un par de xogos, que aínda estamos de vacacións. O primeiro, orThought, é un xogo retro no que temos que cambiar a perspectiva baixo a que vemos o plano de xogo. O obxectivo é sinxelo: só temos que levar o boneco (parece un click) do bloque S ao bloque E usando as frechas, e as teclas Q, E, R, F para cambiar o punto de vista. O segundo, Alchemia, é un xogo que lembra ao Samorost, pois ten uns gráficos moi coidados, e consiste basicamente nun point&click no que hai que resolver puzzles para avanzar (algúns complicados). A imaxe da cabeceira provén dun momento do xogo. Como curiosidade, as músicas dos dous xogos poden baixarse das webs dos compositores.
E finalmente un xogo que vén contestar unha pregunta: É posible facer un bo xogo no que só haxa que premer unha tecla? (realmente só unha tecla, nos clásicos como o Galaga tamén había que mover a nave co joystick). A resposta é Canabalt.
E para aqueles que lles guste o stop motion, un vídeo que atopei en vimeo:
Parafraseando (one more time) aos Monty Python. Pois hoxe non vou escribir nada sobre Matemáticas (nin sequera un problema de lóxica). E isto débese que o que máis me chamou a atención estes días é un feito de Psicoloxía, non de Matemáticas (para os que crean que as Matemáticas están en todas partes, vale, este post vai sobre razoamento e formas de pensar).
Lin o outro día en Cognitive Daily (en concreto aquí) que as diferenzas cognitivas entre os nenos de 3 anos e os de 4 anos levan a que dean distintas respostas ante o seguinte experimento: Imaxinade unha nena, Sally (para deixar o mesmo nome que no orixinal, moitas Sallys por aquí non hai-polo momento). Está a xogar cunha pelota, e ten diante unha caixa e un cubo. Sally pon a pelota na caixa e lisca á cociña a coller unha bebida. Mentres ela está fóra, Bill colle a pelota da caixa e pona no cubo. Cando Sally volve ao cuarto, onde buscará a pelota?
O interesante é que a maior parte dos cativos de 3 anos contestarán que buscará no cubo, é dicir, non se decatan da diferenza que hai entre o que sabe Sally e o que saben eles porque estaban presentes cando Bill colleu a bóla. Segundo algúns investigadores isto sucede porque os nenos desa idade aínda non teñen formada unha "teoría da mente", e non entenden que outra xente pode ter pesamentos independentes dos seus. Por outra banda, os nenos de 4 anos non adoitan ter problemas con esta situación.
Isto lévame a recoñecer aínda máis o traballo dos compañeiros de Educación Infantil. Que difícil semella chegar a ensinar a nenos desas idades, cando non teñen estruturas mentais que os profesores de niveis posteriores supoñemos construídas.
E agora observade este vídeo feito con técnicas tradicionais de animación:
E finalmente un clásico dos xogos pre-Internet: tedes que apagar tódalas luces en cada fase, tendo en conta que cada vez que premedes unha luz, cambia de estado esa luz e tódalas luces ao lado dela (como moito catro máis, as que forman unha cruz) É este: Lights Out
Dez días despois do último post estou de volta e con ganas de escribir. Nestes días teño visto cousas ben interesantes pola rede. Como mostra unha imaxe realmente impactante, e cun título do máis lírico:
Like the fist of an angry god
É dicir, "Como o puño dun deus anoxado". Como podedes comprobar en Discover Magazine, a imaxe foi tomada pola nave Cassini e corresponde ao anel F de Saturno, e aínda non está claro o que ocorre, pero semella o máis plausible que algún obxecto impactara nese estreito anel. Os científicos da NASA están a traballar para saber que foi realmente o que sucedeu.
Tamén nestes días lembrei un xogo que coñecía hai arredor de dous meses: Today I die. Non é un xogo común desde ningún punto de vista: non hai que ser especialmente rápido, nin por suposto matar a ninguén, os pixels danlle un aire totalmente retro (que nos leva de volta aos tempos do Pac-Man)... Pero todo iso é irrelevante. É difícil de transmitir en que consiste o xogo sen escachar a diversión (non, non é esa a palabra), así que botádelle un ollo, só leva minutos rematalo. O enlace que puxen leva ao xogo orixinal en inglés, pero á dereita tedes un menú con algúns idiomas. Probádeo, de verdade, paga a pena.
Os tres irmáns Turner teñen un mal costume: cada vez que lles preguntan calquera cousa, dous din a verdade, e o último mente. Cando eu lles preguntei cal nacera antes, contestaron: