27.6.10

Mentres non haxa sol, xogos

De habilidade, e que sexan difíciles. Se non, que graza tería xogar?

O primeiro, Exit Path, un xogo de plataformas visualmente bastante sinxelo, pero que é ben difícil. Crédeme: teño xogado a uns cantos desde que hai vinte anos rematei o Super Mario Bros da NES.
O segundo, Chase Goose, podería ser calificado como unha broma pesada, principalmente para aqueles xogadores que non aturan fallar nun xogo. Nese sentido lembra a I wanna be the guy (por certo, este é o mellor nome da historia para un xogo) ou a Meat Boy, pero só no aspecto da dificultade, porque a historia e a dinámica do xogo non teñen nada que ver.
E finalmente, un xogo de lóxica e percepción, Set, no que as regras parecen complicadas ata que se xoga un par de partidas. Traduzo da páxina:
"O obxectivo do xogo é identificar un Set (conxunto) de tres tarxetas dun total de 12 na pantalla. Cada tarxeta ten unha variación das seguintes características:
  • Cor: vermello, verde ou violeta.
  • Símbolo: óvalo, til ou diamante.
  • Número: un, dous ou tres simbolos.
  • Sombreado: sólido, aberto ou con faixas.
Un conxunto consiste en 3 tarxetas nas cales cada característica é ou ben a mesma en cada tarxeta ou ben distinta en cada tarxeta"

25.6.10

Que sigan os problemas



Por fin colgaron na rede os problemas da XII Olimpíada Galega de Matemáticas. A fase local foi celebrada o 16 de abril e a fase final o 14 de maio, así que non andaron moi espelidos. Supoño que a razón será a mesma de tódolos profesores de tódolos institutos: o sprint final do curso deixa esgotado a calquera (agora, polo post de onte, xa sabedes que tamén no plano emocional). Acabo de ler rapidamente os problemas das dúas fases e realmente ningún me gusta "a simple vista". Sorte que estiven a ler o New Mathematical Diversions de Martin Gardner, de onde recollo este problema:

Na figura podedes ver un triángulo obtusángulo dividido en catro triángulos máis pequenos.

Podedes comprobar que o triángulo número 4 é obtusángulo, como o triángulo orixinal.
O problema consiste en dividir o triángulo grande en triángulos máis pequenos, coa condición de que tódolos triángulos da división sexan acutángulos. Bonus: cal é o mínimo número de triángulos acutángulos que aparecerán na descomposición?

Este problema é realmente difícil, pero tamén divertido, como tantos comentados por Martin Gardner. Como dixen moitas veces nas aulas, se non é difícil, onde está a diversión ao resolvelo?


Como despedida, unha canción que non podo quitar da cabeza estes días. A pesar do seu aspecto externo sinistro, ponme de moi bo humor, especialmente a partir do minuto catro. Aínda que creo que esta é a típica canción que só me vai gustar a min...


23.6.10

Un bo día

E non porque fose o último. O derradeiro, para ser exactos (Manuel Lourenzo ensinoume ben). Ou tamén por iso.
Despedín hoxe aos cativos. Tiveron un comportamento estupendo, non esperaba tanto deles, despois deste curso que no ámbito docente foi duro abondo.
E agora, despois da apoteose de pola mañá, é o momento de poñer notas que van determinar se os alumnos van ter que estudar Matemáticas no verán ou non (outro tema é que o fagan, claro).

Tendo en conta o entretido que é ensinar Matemáticas, estou convencido de que esta é a cara-B do meu traballo (entenderán os alumnos a metáfora?).

É tempo de pensar en marchar. Outros alumnos, outros compañeiros, outra vila. Só foron dous anos (só?).

Non estou seguro de terme convertido en mellor profesor. Desde logo agora diagnostico de xeito máis rápido as dificultades dos cativos, enténdoos con menos palabras. Pero teño a impresión de que no importante, que é resolver os problemas, cada vez vexo máis obstáculos para chegar a bo porto. Resumindo: distingo nitidamente os impedimentos, pero non sei que facer para sortealos.

Esperemos ter deixado todo como estaba. Polo menos.



21.6.10

De onde virán as ideas?

Estamos no tempo de rescatar de estudar no verán aos alumnos. Dito doutro xeito, estamos facendo exames-bonus (chamados comunmente "repescas", naqueles afastados tempos do BUP, "suficiencia").
Como calquera pode adiviñar, aparece un problema ben obvio: que fan os alumnos que non teñen ningunha avaliación que recuperar mentres os seus compañeiros están a examinarse? A resposta ideal podería ser: traballar en silencio gardando o debido respecto aos seus pobres compañeiros que abondo teñen co seu.

(Un momento para rir)


(Un pouco máis)

Así que o traballo é dobre para o profesor, pois hai que ter entretidos a estes alumnos. Eu adoito utilizar estes días para propoñer problemas alternativos aos alumnos aplicados. Onte inventei (creo) un que dicía así:


España ten 2, Portugal 3, Italia 2, Francia 2, Serbia ten 3. Cantas ten Etiopía?

Non sigas lendo se queres pensar por ti mesmo a resposta. Estás avisado. Agora vou comentar as ideas dos alumnos de 1º de E.S.O.



Despois de que un alumno me preguntase: Pero que es lo que tienen, profe?, comezaron a aparecer ideas: número de Eurocopas (é claro que estamos no medio dun mundial) , número de cores da bandeira do país, sílabas,... Tódalas opcións desbotadas. Ata que apareceu a solución, coma sempre que é interesante sen que haxa un método sistemático de busca, como por arte de maxia, cun interruptor que fai pasar a corrente: Profe, yo me di cuenta de que, si cuentas las vocales, entonces España tiene 2, porque tiene dos aes, Portugal tiene 3 distintas, Italia repite la a, así que tiene 2 también...

Pero o que máis me chamou a atención da sesión probablemente foi unha opción para a solución que eu non pensara: Profe, yo me fijé en que la capital de España es Madrid, que tiene 2 sílabas, la de Portugal es Lisboa, con 3, la de Italia, Roma, 2, la de Francia París, con 2, otra vez,...
Así que eu dígolle (avisado de que funcionaba o criterio): e Serbia?
Ah, pues Serbia no sé...
Belgrado, muller, tamén funciona.
Pues eso.
Entón Etiopía?
Pues no sé la capital de Etiopía...
Addis Abeba.
Pues entonces 5.

Nunca sabes por onde van saír os cativos, máis se estás en primeiro de E.S.O. Hei pensar algo novo para o mércores, a ver como me sorprenden desta.

18.6.10

Desconfía dos enunciados sinxelos

Parece máis sinxelo do que é:

Dous amigos botan unha carreira de 100 metros lisos. Gaña un deles por tres metros de vantaxe, é dicir, cando chega á meta, o outro queda a 3 metros de distancia, no metro 97.
Deciden botar outra carreira, pero o que gañou dálle certa vantaxe: en troques de comezar na saída, empezará tres metros máis atrás.

Quen gañará esta nova carreira?