19.2.16

Unha ferramenta



O máis preto que estaremos de seguir a un Arne Saknussemm na era dixital

Quizais porque entendo o método gráfico de resolución de sistemas de ecuacións máis como unha característica que como un método de resolución auténtico, nunca vira que o geogebra puxese as coordenadas en forma decimal por defecto como unha eiva. Ata hoxe, cando dúas compañeiras observaron que sería útil dispoñer das coordenadas en forma fraccionaria. Tras unha breve investigación na rede (= un par de buscas en google concatenando palabras en inglés) atopei un comando, TextoFracción[], que permite escribir do xeito requerido as coordenadas utilizando o intérprete de LATEX incluído no geogebra.

Se argallades na folla, veredes que en realidade geogebra non está a calcular de xeito simbólico as interseccións, pois tecleando un sistema cun punto de corte con coordenadas irracionais, tamén vai aparecer unha fracción no texto asociado ao punto. Imaxino que o que sucede é que o punto é aproximado de xeito racional, e esta aproximación é a que aparece como punto de corte, e consecuentemente na caixa de texto.



13.2.16

"Escrito en 5 anos, pode durar milenios"


Cardano, who plagiarised before it was cool

O asunto de hoxe ten case 500 anos de historia, e comenza no Renacemento italiano. Sigamos a Girolamo Cardano cando resolveu a ecuación cúbica simplificada, $x^3+px=q$, ou se preferides, cando colleu prestada de Tartaglia a súa solución:

Collamos dous números $u$ e $v$ que cumpran $u-v=x$ e $u \cdot v=\frac{p}{3}$

Traballando con estas dúas novas variables:

$$(u-v)^3+p(u-v)=q$$
$$(u-v)[(u-v)^2+p]=q$$
$$(u-v)(u^2-2uv+v^2+3uv)=q$$
$$(u-v)(u^2+uv+v^2)=q$$
$$u^3-v^3=q$$
$$u^3-\Big(\frac{p}{3u}\Big)^3=q$$
$$u^6-qu^3-\Big(\frac{p}{3}\Big)^2=0$$
Resolvendo esta ecuación cuadrática en $u^3$:
$$u^3=\frac{q+-\sqrt{q^2+4\Big(\frac{p}{3}\Big)^2}}{2}$$
$$u^3=\frac{q}{2}\pm \sqrt{\Big(\frac{q}{2}\Big)^2+\Big(\frac{p}{3}\Big)^2}$$
Obtendo finalmente u e v como as dúas solucións da ecuación cuadrática, e desfacendo o cambio, a solución da ecuación orixinal:
$$x=\sqrt[3]{\frac{q}{2}+\sqrt{\Big(\frac{q}{2}\Big)^2+\Big(\frac{p}{3}\Big)^2}}-\sqrt[3]{\frac{q}{2}-\sqrt{\Big(\frac{q}{2}\Big)^2+\Big(\frac{p}{3}\Big)^2}}$$

Cardano só traballaba con valores positivos dos coeficientes, mais o método pode ser replicado sen problemas para casos como $x^3=15x+4$ (collendo x=u+v). Aínda que hoxe en día usamos exactamente o mesmo método e traballamos con $p=-15, q=4$.
Observamos ademais a ecuación do exemplo ten a solución x=4.
Aplicando o método adaptado, obtemos:
$$x=\sqrt[3]{2+11\sqrt{-1}}+\sqrt[3]{2-11\sqrt{-1}}$$
O que, en nomenclatura contemporánea, ten o aspecto
$$x=\sqrt[3]{2+11i}+\sqrt[3]{2-11i}$$

Como xa sabíamos que $x=4$ era unha solución da ecuación, significa isto que $\small{4=\sqrt[3]{2+11i}+\sqrt[3]{2-11i}}$?

Polo visto Cardano xa atopara estes números esvaradizos estudando as solucións de problemas como o seguinte:

"Divide 10 en dúas partes que multiplicadas dean 40"

Este ten o aspecto típico dos primeiros problemas non lineares que propoñemos aló por 2º de ESO. Resolto cunha soa ecuación, chegamos a:
$$x(10-x)=40 \rightarrow x^2-10x+40=0 \rightarrow x=\frac{10 \pm \sqrt{100-160}}{2}=$$ 
$$\frac{10 \pm \sqrt{-60}}{2}= 5 \pm \sqrt{-15}$$

Que escribimos hoxe $$x=5 \pm i\sqrt{15}$$

Imaxinarios, chamaríadelos agora?


P.D.: levaba uns anos querendo falar un anaco da ecuación cúbica. Que sexa a primeira vez en 12 anos de choio que dou os números complexos é a escusa perfecta para esta entrada. Cardano escribiu o seu libro en 5 anos, estimou que o seu contido duraría milenios, e agora en 1º de Bacharelato miniaturizamos estas ideas en 5 ou 6 sesións. Dalgún xeito tiña que resarcirme.



6.2.16

Dous problemas de áreas


Revisando vellas ligazóns da época na que resolvía problemas de olimpíadas matemáticas, dei cos meus ósos no arquivo de enunciados da Olimpíada Matemática Argentina. E nel, coas dúas únicas probas do Torneo del Mercosur que atopei na rede. Confeso que nunca parara a mirar as probas, seguramente porque a primeira ollada a problemas de Xeometría sen figuras deixa sen ganas de máis. Desta volta tería máis azos, pois achei este problema:

Temos dous rectángulos iguais, ABCD e APQR, tales que P está no interior do rectángulo ABCD e o lado PQ do rectángulo APQR interseca ao lado DC do rectángulo ABCD no punto E. Se sabemos que:
  • AB=CD=AP=QR=8
  • AD=BC=AR=PQ=12
  • DE=1
Achar a área da figura ABCEP


Esta é a tradución do problema orixinal, conviredes comigo que dá algo de cansazo. Sorte que xa vos fixen eu o debuxo:

Colocando as etiquetas na orde contraria ás agullas do reloxo, obtemos o mesmo problema?


E esta semana tamén descubrín estoutro, que aínda que fala de áreas, é totalmente distinto do anterior. Unha das cousas boas que ten dar catro niveis de Matemáticas é que vas atopar problemas axeitados en calquera sitio que mires. Este problema foi proposto na XXI Olimpiada Matemática Asturiana, en 2014, e eu vino no blogue Matemáticas JMMM, onde coido que cheguei desde twitter, mais non lembro desde que conta.

Na figura hai dous cadrados, un de lado 7 cm. e o outro de lado 2 cm. Os lados do cadrado pequeno son paralelos aos do grande. Atopa a área da zona sombreada.

  

Unha pregunta para os profesores: por que sería mala idea converter este exercicio nun ítem con varias opcións?

1.2.16

Da aula


Comparto uns exercicios que utilicei a semana pasada en 1º de ESO como avaliación formativa, por se lle interesan a alguén.

  1.  O ano pasado en Cedeira houbo vento $\frac{2}{3}$ dos días, mentres que choveu $\frac{2}{5}$ dos días. É posible que ningún día ventoso chovese? É posible que algún día nin chovese nin fixese vento? Razoa a resposta.
  2.  Completa a igualdade:  $\frac{3}{4}+\frac{3}{}=1$
  3.  Escribe a fracción irredutible que representa a frecha dentro do cadrado:

 
  
  1.  Calcula e simplifica:

    1. $\frac{5}{6}-\frac{1}{2}:\frac{10}{6}=$
    2. $\frac{6}{9}\cdot \Big(\frac{3}{4}+\frac{3}{5} \Big)=$


Seguimos pelexando...

27.1.16

A Lei Forte dos Pequenos Números-3


Lembremos que A Lei Forte dos Pequnos Números é unha expresión que inventou o teórico de números e grande divulgador Richard K. Guy que se resume en:

"Non hai números pequenos abondo para cumprir todas as expectativas que temos postas neles"

Esta frase é un xeito humorístico de apuntar ao verdadeiro significado da "lei": que un patrón sexa certo nos primeiros casos non dá ningunha seguridade sobre a súa validez xeral. Xa van dúas entradas comentando algúns dos casos máis coñecidos(1, 2), polo que hoxe imos ver un caso ben curioso e menos coñecido, que eu veño de descubrir lendo o artigo Deceptive Patterns in Mathematics de V.G.Tikekar. Antes temos que lembrar os vellos amigos dos estudantes da EXB, os diagramas de Venn:

Xente á que lle importan os diagramas de Venn e xente á que non?

O diagrama de Venn é probablemente unha das representacións máis coñecidas dentro das Matemáticas: mediante unha circunferencia(ou unha figura topoloxicamente equivalente) dividimos o conxunto universal en dous anacos, o interior e o exterior, que representan loxicamente conxuntos disxuntos. É tradicional representar o complementario do conxunto $A$ como $\overline{A}$, como aparece na figura anterior, na que contamos 2 rexións nas que queda dividido o conxunto universal.

Pois ben, vexamos en cantas rexións dividiremos o conxunto universal se utilizamos diagramas circulares unicamente para representar os conxuntos:
  • Con 2 conxuntos
4 rexións
  • Con 3 conxuntos

8 rexións

O patrón queda ben claro: cando collemos $n$ conxuntos, obtemos $2^n$ rexións, polo que o seguinte paso vai ser determinar mediante circunferencias as 16 rexións nas que vai quedar dividido o conxunto universal. Non sei que sucede, que por moito que o intento, non dou pasado de 14 rexións. Xa conto eu por vós para que non vos perdades:

   
Que pensades, será que son pouco hábil ou será que é imposible mellorar esa marca de 14? Que sucederá con 5 conxuntos? E con n?