De Science Cartoons Plus |
Un aspecto que non trato neste blogue con moita asiduidade (a dicir verdade non sei se o tratei algunha vez) é o do mundo matemático, entendéndoo de xeito amplo como a cultura arredor da ciencia matemática. É dicir, todo aquilo que teña que ver con anécdotas da vida dos matemáticos, opinións, chistes... que tan habituais son nos libros de divulgación. Para solucionar esta falla, hoxe quero compartir as reflexións de dous matemáticos de gran nivel.
A primeira, da estrela de finais do século XX Andrew Wiles, que finalmente demostrou o Último Teorema de Fermat en 1994, é a metáfora más fermosa sobre a experiencia matemática que teño lido:
"Entras no primeiro cuarto da mansión, que está totalmente a escuras. Chocas cos mobles pero gradualmente vas aprendendo onde está cada peza do mobiliario. Por fin, despois de seis meses máis ou menos, atopas a chave da luz, acéndela, e de súpeto todo está iluminado. Podes ver exactamente onde estás. Entón móveste ao seguinte cuarto e pasas outros seis meses a escuras. Así que cada un destes avances, algúns instantáneos, outros que poden levar un día ou dous, é a culminación de, e non podería suceder sen, os moitos meses previos de chocar na escuridade."
Tradución libre de How Mathematicians Think: Using Ambiguity, Contradiction, and Paradox de William Byers.
A outra reflexión é totalmente distinta, pois fai referencia non ao feito matemático senón a unha rigorosa clasificación dos xenios (que por tanto engloba aos xenios matemáticos) do matemático Marc Kac, colaborador doutro científico de primeira orde, o peculiar físico Richard Feynman:
"Hai dúas clases de xenios, os ordinarios e os magos. Un xenio ordinario é un tipo ao que ti ou mesmo eu poderiamos igualar, simplemente se fosemos unhas cantas veces mellores. Non hai misterio algún no xeito no que a súa mente funciona. Unha vez que entendemos o que fixeron, estamos certos de que nós tamén poderiamos facelo. É distinto cos magos. Eles están, usando a linguaxe matemática, no complemento ortogonal de onde estamos nós, e o funcionamento das súas mentes é a todas luces incomprensible. Aínda despois de que entendamos o que fixeron, o proceso que seguiron é completamente escuro. Rara vez teñen discípulos, pois eles non poden ser emulados, e debe resultar moi frustrante para unha mente nova e brillante tentar enfrontarse cos misteriosos camiños polos que transita a mente do mago."
Tradución libre de Mathematics and Common Sense. A case of creative tension de Philip J. DavisEsta reflexión está nos antípodas das frases que pretenden inspirar ou motivar; para a xente común era abondo sabermos que había xenios, agora aínda por riba descubrimos que hai un tipo afastado de nós mais tamén lonxe dos chamados magos.
Comecemos desmotivados o ano... ou cos pés no chan, tal e como o vexo eu. O contrario podedes atopalo en powerpoints con gatos ou cabezas flotantes no espazo exterior.
0 comentarios:
Publicar un comentario