6.1.12

3 anos por aquí

Tal día como hoxe no 2009 comecei a publicar neste espazo. Naquel momento entendía este "Matemáticas na Rúa" principalmente como unha ferramenta para propoñer problemas alternativos aos meus alumnos de 1º, 2º e 3º daquel ano, e para compartir os xogos "casual" baseados en puzzles. Tamén para colgar ligazóns aos exames, boletíns de exercicios e simulacros que ía utilizando nas aulas, aínda que os arquivos estaban aloxados na wiki asociada. A razón disto último é que blogger non serve como almacén de arquivos, e non quixen empregar servizos como box ou 4shared por seren efímeros.

E así foi o primeiro curso que escribín por acó. Entre alumnos que resolvían algúns problemas, e que despois mos comentaban na aula, e unha compañeira que tamén participaba, foi pasando ese curso.

O segundo ano empecei máis ou menos coa mesma idea en mente, pero tendo en conta que os alumnos máis participativos estaban naquel momento en 2º de E.S.O., co cal o interese e o pulo típico dos pequenos de 1º xa estaban diluídos na adolescencia. Como contrapartida atopei un curso excelente de 1º de E.S.O., mais as alumnas dese curso nunca ousaron participar de xeito habitual.

E entón chegou o cambio de destino, da Rúa a Cedeira. E decidín manter o blogue, aínda que sen os obxectivos docentes previos, conservando nada máis o aspecto lúdico-matemático, é dicir, facendo deste blogue algo que me gustaría ler a min.

Esta decisión tivo dúas causas evidentes: eu tiña menos tempo para publicar debido ás viaxes entre Ferrol e Cedeira, estaba xa un pouco canso de loitar coa desidia usual dos alumnos, e tampouco tiña seguridade sobre o acceso á rede dos alumnos.

E nestas andamos. O blogue permanece como unha ferramenta marxinal de apoio á docencia. Este ano aínda non montei unha wiki de recursos, realmente porque plaxiei moitas das actividades dos outros anos, con cambios mínimos. Pero pode que aínda cree a wiki, é unha cuestión por dilucidar.

Xa que levo 3 anos vou poñer o hit parade dos posts máis lidos (sempre segundo as estatísticas de blogger), que non deixa de sorprenderme:

  1. Se algunha vez estás de mal humor...
Este post ten dúas listas de cancións para escorrentar o mal humor. Quen sabe se as visitas son puro spam desde goear ou spotify.
  1. Vaia día para traballar...
Aquí o único que hai é unha ligazón á solución dun exame.
  1. Primeiro Problema dun Libro
E nesta entrada comentei un problema ben coñecido, ademais de propoñer un problema aritmético, mencionar a clasificación da última Olimpíada Internacional de Matemáticas e colgar un vídeo musical.


Non teño máis que dicir hoxe neste día de aniversario. Só:



0 comentarios:

Publicar un comentario