30.5.09

Un sábado calquera



Sen que sirva de precedente, vou propoñer un problema de nivel Olimpíada. Simplemente para que vexades de que vai o tema. O problema está tirado dos Tests de selección para a Olimpíada Internacional que acaba de haber en Arxentina, e trata do que en Matemáticas chamamos Teoría Elemental de Números (que non é o que semella, e ademais chega a niveis pouco elementais, digamos de Álxebra de 5º de carreira). Aí vai:

Atopar tódolos números naturais tales que


sexa divisible entre 309.

Que, parece sinxelo?

Por certo, vin esta semana en slashdot a seguinte historia:

Is Playing a DVD Harder Than Rocket Science?


na que contan que, despois de arranxar o telescopio espacial Hubble, os astronautas tiñan un rato de ocio, e pensaron en ver unha película nos seus portátiles. O curioso é que despois de teren chegado nunha nave ao telescopio, de faceren o choio coas lentes do telescopio nun paseo espacial, non puideron ver a película! En slashdot explican que isto foi debido a que non tiñan o software adecuado , pero a min quédame a dúbida se non sería por ter instalado o Windows Media Player 11 baixo Windows Vista (tocade madeira, neste caso, calquera día caerá na Rúa un cacho do Hubble, iso sí, despois dirán: Ocorreu un erro fatal)

E para rematar neste bonito e caloroso día de Maio, botádelle unha ollada a este vídeo que vin en ALT1040 aínda que a fonte orixinal é a revista Wired.




27.5.09

Let's get busy!




Esa era a frase que daba comezo ao xogo arcade do ano 90 que vedes enriba: o Hammerin' Harry (Izuke! Gen San! en Xapón). O xogo era curioso, pois o protagonista era un nacho cun mazo enorme que pelexaba contra os xefes da empresa que lle derrubara a casa. A fin de contas un arcade de plataformas na tradición do Super Mario Bros (pero con fases máis grandes), o Alex Kidd e tantos outros da época dourada das salas de xogos (cantos macarras de baixa calidade se terán formado nelas?). Por certo, se queredes xogar a ese xogo non tedes máis que descargar un emulador e a rom do xogo. O emulador máis famoso é o Mame 32 (Multi Arcade Machine Emulator 32) que é unha mina para os que fomos nenos nos anos 80.
Como prometín, haberá que poñer un problema dun nivel un pouco superior. Tampouco me quero pasar, a ver que tal vai este:

Cada tarde María colle o coche para ir buscar ao seu irmán á estación. Sae de casa sempre á mesma hora, toma sempre o mesmo traxecto e conduce á mesma velocidade para chegar á estación exactamente ás 18:30, xusto cando chega o tren do seu irmán. Volven xuntos polo mesmo camiño e á mesma velocidade. Pero un día o seu irmán colle un tren que chega á estación ás 18:10, e sae andando cara á súa casa. Atópanse polo camiño, e chegan á casa 10 minutos antes que outros días. A pregunta é:

Canto tempo tivo que andar o seu irmán?

Por se vos perdedes entre as palabras, poño outro máis sinxelo de analizar:

Tentade dividir a seguinte figura en 4 anacos da mesma forma e tamaño. A figura está composta por un cadrado e un triángulo igual á metade dese cadrado adosado a el (o triángulo ten por hipotenusa a diagonal do cadrado)



E despois dos problemas non podo deixar pasar a ocasión, así que ollade a primeira fase do Hammerin' Harry:

26.5.09

Agora si



Velaquí o Simulacro, xa con solucións, que espero que estean ben (agás as inevitables erratas). Xa é un pouco tarde e non o ides mirar xa, pero mañá xa o podemos comentar na aula. Por certo, deixamos atrás a Xeometría e mañá utilizaremos o Geogebra para estudar as propiedades básicas das funcións.
Ah, se queredes saber un pouco sobre a relación de Futurama e as Matemáticas, este é o enlace que precisades:

Futurama Math

Abur, que xa está aquí House.

Simulacro de exame de repaso

Pero aínda sen solución, que non tiven tempo para escribila. Cando volva da Escola de Idiomas fago a solución e súboa. Polo de agora, podedes deleitar os oídos escoitando a seguinte canción e tamén os ollos vendo o vídeo mentres facedes o simulacro, que están na wiki, pero como sempre, deixo aquí o enlace.

A canción non entra dentro dos meus gustos usuais, pero ten algo que fai que me guste, non sei que será. Ah, e vede o vídeo ata o final.

25.5.09

Seguimos?








A verdade é que, co éxito dos últimos problemas, non sei se continuar poñéndoos. Quizais deba seguir, aínda que sexa para que queden no limbo de Blogger.
Hoxe porei un xogo que, xa vai máis dun ano, utilizaba o exército sueco como reclamo para atraer novos reclutas.
O xogo está feito co Flash, así que como é un pouco enleado colgalo nun blog de Blogger, mellor póñovos o enlace onde o vin eu, como tantas veces, no excelente blog Acertijos y más cosas, en concreto nesta entrada. Despois de facelo e que vos diga que porcentaxe de xente tardou máis que vós, poderedes continuar os tests de acceso ao exército sueco (nunca hai que pechar unha porta, quen sabe)

Por certo, a igualdade que aparece na imaxe detrás de Homer non é certa. Nin sequera é necesario comprobala, pois se fose certa, o Teorema de Fermat sería falso, e a demostración de Andre Wiles e Richard Taylor de 1994 iría directa ao tacho.

E finalmente un problema non matemático, ademais de ben coñecido entre os afeccionados aos problemas de lóxica e pensamento lateral:

Tedes estes seis vasos, tres baleiros e tres con auga. O obxectivo é, movendo un único vaso, acadar que os tres vasos de auga estean xuntos e os tres vasos baleiros tamén. Good luck!