Sen buscalo atopei pola casa El hombre anumérico. El analfabetismo matemático y sus consecuencias, do afamado matemático John Allen Paulos. Nin sabía que andaba por aquí, ou quizais si, pero é habitual non prestar moita atención a libros que liches hai tempo, se non son de consulta frecuente(penso no Boyer ou o Grimal). E resulta que este foi o primeiro libro de divulgación matemática que lin na carreira, grazas a unha compañeira(profesora de secundaria tamén, daquela era o que queríamos moitos) que o tiña na pensión. E deume por pensar que só lembraba o concepto mais nada en realidade do contido do libro. E tiven que relelo.
O que pasou despois non vos sorprenderá.
Cando o lin por primeira vez, antes dos 20 anos, eu entraba no público obxectivo deste libro. Agora, con case 50, xa non.
O libro segue destilando sentido do humor, pon exemplos acertados, ten anécdotas curiosas e, obviamente , apunta a un problema serio da sociedade, o anumerismo. E inclúe mencións a traballos de Tversky e Kahneman, que ata esta semana eu xuraría que non coñecera ata 2006 (máis ou menos), e resulta que xa lera sobre eles hai 30 anos, a desmemoria vaime alcanzando.
Entón, que ten o libro para que quedases murcho, J?
Vexamos o que fai o autor: en exemplos de anumerismo utiliza probabilidade elemental (e combinatoria enumerativa cando é necesario) para amosar que fenómenos que algunha xente ve como excepcionais son en realidade bastante probables. Paréceme o camiño evidente que hai que seguir, aí non teño obxeccións. O libro ten cinco capítulos: un introdutorio con moitos exemplos liviáns, que a estas alturas xa son ben coñecidos(pensemos que o libro se publicou dez anos antes da xeneralización de internet, habería que dirimir se a fonte deses exemplos é esta obra ou xa eran coñecidos con anterioridade), o 2º dedicado á probabilidade e coincidencia(aínda que no 1º xa se introducira), o 3º á pseudociencia; o 4º ás fontes do anumerismo; o 5º á estatística en xeral, que presenta unha zarangallada de ideas, desde o consabido correlación/causalidade aos nesgos ante a toma de decisións, pasando polo dilema do prisioneiro.
Aínda que o 5º capítulo semella un engadido para rematar o libro sen moita conexión cos anteriores, e o capítulo da pseudociencia vén sendo unha enumeración de anécdotas, é o dedicado ás fontes do anumerismo o que me pareceu o máis frouxiño. Visto en 2026 resulta unha colección de opinións máis ou menos fundadas, algunhas un chisco resesas.
Recomendaría este libro a alguén que me preguntase en persoa?
Depende de quen me preguntase. Para alguén que non lese moita divulgación de matemáticas/estatística/lóxica, seguramente si.
Non me podo subtraer a compartir unha anécdota que, dado o protagonista, aínda é máis hilarante. No capítulo 3, sobre a pseudociencia, o autor menciona a orixe do estudo dos biorritmos: un médico amigo de Freud, Wilhem Fliess, inventou que existen uns ciclos periódicos que determinan moitos aspectos das nosas vidas desde o nacemento. Aínda máis: inventou tamén que os números 23 e 28 eran supostamente os períodos duns certos ciclos metafísicos, masculino e feminino respectivamente. E que tiñan a propiedade de que, sumando e restando múltiplos de 23 e 28, podes acadar calquera número.
É dicir: podes atopar unha solución en números enteiros x e y á ecuación $23x+28y=N$, sendo N calquera número que penses.
Tremendo, eh?(inseride aquí gif do nacho dos aliens do canal Historia)
Se non fose porque 23 e 28 non teñen ningunha propiedade excepcional, estas ecuacións case aleatorias que vou poñer tamén teñen solución para calquera N:
$25x+28y=N$
$23x+22y=N$
$2x+y=N$
$5001x+500y=N$
$10x+21y=N$
Pois serve calquera parella de números coprimos. Cousa que sabemos desde hai centos de anos, pois o arquicoñecido algoritmo de Euclides proporciona as solucións da ecuación diofántica lineal.
Freud, non contento con papar enteiro o asunto dos biorritmos, chegou a pensar que ía morrer con 51 anos, pois 51=23+28. Sorprendentemente (supoño) para el, durou 32 anos máis. Quen sabe se cando cumpriu os 52 non actualizou a profecía a morrer con 644=23·28.
Animará esta entrada a que algún humano lea o libro? Algún bot?

0 comentarios:
Publicar un comentario