7.10.20

Unha curiosidade nas fraccións

 

Un dos contidos máis inaccesibles do curriculum de secundaria é o do número real. O positivo é que isto un só o detecta cando aprende máis adiante na súa formación, probablemente en 1º de carreira, que as cousas non son tan sinxelas como lle contaron no instituto. Un alumno con espírito crítico aceptará as propiedades dos números racionais, despois de todo a súa construción é máis ou menos transparente a partir dos números naturais, onde un observa as engrenaxes e por tanto, asimílaas aínda sen ter probas formais de que sexan certas. Pero os irracionais, ai os irracionais, é unha historia totalmente distinta. Xa teño comentado por aquí, seguindo a Hung-Hsi Wu, que facemos trampas ao introducirmos os reais, a súa estrutura e as súas propiedades, aínda as puramente aritméticas, non falemos xa das topolóxicas.

Cando traballamos a forma decimal de números racionais e irracionais, en 3º ou 4º, e falamos de como recoñecer un número irracional vendo o seu aspecto, adoito poñer uns exemplos racionais ben coñecidos:

  • $\frac{1}{7}=0,\overline{142857}=0,142857142857 \dots$, que no display da calculadora será 0,1428571429, que se pode deducir que é consecuencia da aproximación.
  • $\frac{1}{13}=0,\overline{076923}=0,076923076923 \dots$, na calculadora, 0,07692307692, máis evidente.
  • $\frac{1}{23}=0,\overline{0434782608695652173913}$, na calculadora o escuro 0,0437826087
Chegados a este punto, pregúntolles como saberían, só mirando a pantalla da calculadora, que tipo de números son eses 3 exemplos. E no último caso todos concordan en que estarían vendidos. Só poñendo a división en Wolfram Alpha poden ver claramente o período. Polo que se fai patente que necesitamos saber de que operación xorden os decimais para estarmos certos de que son decimais periódicos, e nestes casos ademais periódicos puros, pois xa vimos en cursos anteriores a relación entre os factores do denominador e a súa expresión decimal(sempre que a fracción sexa irredutible).

Pero o bo vén despois, cando me permito divagar un chisco.

Que sucede co caso $\frac{1}{81}=0,012345679012345679 \dots =0,\overline{012345679}$?

Na calculadora non chegan a velo, de novo utilizamos Wolfram Alpha para ver o período, e axiña agroma o abraio: ONDE VAI O 8?

En realidade adoito comezar non por este exemplo, senón por este posterior:

$\frac{1}{9801}=0,000102030405... =0,\overline{00010203 \dots 969799}$

Que hai que recoñecer que ten máis punch para abraiar aos cativos.

E aínda máis, amigos:

$\frac{1}{998001}=0,000001002003004005... =0,\overline{000001002003 \dots 996997999}$

O primeiro que ve un, xusto despois da ausencia do 8, do 98, do 998..., é que os denominadores das fraccións son 9², 99², 999²... É dicir, detectamos un posible patrón coas fraccións que teñen o aspecto $\frac{1}{9 \dots 9^2}=\frac{1}{(10^n-1)^2}$

E a que se debe este patrón? Como é habitual cando traballamos cun patrón aritmético, é mellor esquecermos o aspecto concreto de cada número e quedarmos co esencial. Neste caso, imos ver que 
estrutura teñen os períodos. Observemos polo miúdo que sucede en $\frac{1}{81}=0,\overline{012345679}$

Xoguemos por un momento cunha expresión semellante:

$$\frac{0}{10}+\frac{1}{10^2}+\frac{2}{10^3}+\frac{3}{10^4}+\dots=\sum_{n=1}^{\infty} n \left(\frac{1}{10} \right)^{n+1}$$
que, chamando $x=\frac{1}{10}$, se expresa como $\sum \limits_{n=1}^{\infty} n \cdot x^{n+1}$ 

Mais... esa expresión semellante serve para atopar o noso número periódico?

En efecto, e a resposta está no de "levar unha"; observade que ocorre cando sumamos os primeiros sumandos:

0,0
0,01
0,002
0,0003
0,00004
0,000005
0,0000006
0,00000007
0,000000008
0,0000000009
0,00000000010
...
Veredes como, no proceso de sumar os dous últimos sumandos indicados, "levamos unha" que se suma ao 8 para crear un 9. De aí desaparece o 8 no período. Se dubidades que isto vai suceder cada ciclo, avanzade un chisco e analizade como volve ocorrer cando sumemos ...18, ...19 e ...20,  e sucesivamente cada vez que apareza un 8, explicando así por que no período é omitido.

Agora que xa transformamos o noso misterioso decimal nunha suma xeitosa, como podemos ver que coincide con $\frac{1}{9^2}$?
O xeito estándar é análogo á suma da serie xeométrica, $\sum_{n=1}^{\infty} x^n$, pero podemos velo dun xeito menos elemental mais tamén elegante, e utilizando polo camiño a suma desa xeométrica:
 
$$\sum_{n=1}^{\infty} n \cdot x^{n+1}=x^2 \cdot \sum_{n=1}^{\infty} n \cdot x^{n-1}=x^2 \cdot f(x)$$
onde chamei f(x) á función definida pola serie para poder manipulala:
$$\int f(x)=\sum_{n=1}^{\infty} \int ({n\cdot x^{n-1})}=\sum_{n=1}^{\infty} \frac{n}{n}x^n=\sum_{n=1}^{\infty}x^n=\frac{x}{1-x}$$
Polo que
$$f(x)=\left(\frac{x}{1-x}\right)'=\frac{1(1-x)-x(-1)}{(1-x)^2}=\frac{1}{(1-x)^2}$$
Polo que a nosa suma valerá
$$x^2 \cdot f(x)=\frac{x^2}{(1-x)^2}$$ 
Finalmente, substituíndo x por $\frac{1}{10}$, obtemos que o número periódico aquel coincide con $$\frac{\left( \frac{1}{10}\right)^2}{\left( 1-\frac{1}{10}\right)^2}=\frac{\frac{1}{10^2}}{\frac{9^2}{10^2}}=\frac{1}{9^2}$$ q.e.d.

O argumento, no que omitín os detalles técnicos sobre a posibilidade de integrar cada sumando da serie, é exactamente igual se traballamos con $\frac{1}{99^2}, \frac{1}{999^2} \dots$

Para ir rematando... Cantas veces ocorre que presta máis a anécdota que contas en clase que as ideas máis académicas, que veñen no DOG e nas programacións? Este é un dos casos nos que recoñezo que me pasa.

Actualización o 7/10: James Grime sae nun vídeo de Numberphile explicando este feito mellor ca min

11.9.20

Unha actividade (de Matemáticas) para titoría

Coconuts are so far down to the left they couldn't be fit on the chart.  Ever spent half an hour trying to open a coconut with a rock?  Fuck coconuts


A unha semana do comezo das clases máis estraño que temos visto, vou compartir unha actividade que fixen no curso 2018/19 coa miña titoría de 3º de ESO. Veredes que, en realidade, a actividade é transportable a calquera curso da ESO ou mesmo 1º de BAC, depende do titor, se quere enfatizar a análise matemática das gráficas ou o diálogo titor-clase.

Para empezar, coñecía a gráfica de xkcd de arriba, na que podemos ver a idea das coordenadas cartesianas de xeito informal. Os eixes non están numerados, non está localizada a unidade, a colocación relativa das froitas só dá unha idea difusa do sinxelo que é comela e do saborosa. Deste xeito, podemos ver que Randall cre que as uvas con sementes son máis difíciles de comer que as uvas sen sementes(aínda que seguen a ser máis sinxelas que difíciles) mais son un chisquiño máis saborosas. Para isto non é necesario indicar a unidade en cada eixe, de feito, habería que dar un significado ao 1 na magnitude "dificultade para comer a froita" E que significado tería -3? E aínda sen unidades, podemos facer preguntas (e esperar respostas coherentes) como "Que teñen en común as mazás verdes e as vermellas? En que se distinguen?"


Pois con esta gráfica na memoria, decidín probar o seguinte: amosei no EDI a imaxe, discutimos un anaco sobre as nosas opinións acerca do sabor e a dificultade(non hai nada como os gustos persoais para que a conversa sexa acalorada), e despois propuxen que cada alumno elaborase nunha cuartilla cadansúa gráfica, cos mesmos eixes que na de xkcd, sinxelo-difícil e non me gusta-gústame e coas materias de 3º de ESO en troques das froitas. Velaquí algunhas das producións:



As conclusións saltan á vista en cada gráfica, non si? O titor pode coller a gráfica dun alumno e ver moitas cousas. E tamén, de xeito colectivo, pode revisar todas as gráficas da clase e ver cousas raras. Que sucede se todos os alumnos colocan certa materia abaixo e á dereita de todo? Sucederá que moitos poñen arriba á esquerda algunha materia? Mediatiza a actividade que o titor dea Matemáticas? En xeral, cales son os cuadrantes máis poboados? (Se alguén fóra da docencia le este blog, si, efectivamente, nunha titoría os alumnos falan/quéixanse dos profesores que teñen ao seu titor, depende deste deixar que se desafoguen ou non)

Imaxino que vistes os números que hai bailando polas gráficas, moitos xa saberedes que indican as horas semanais de cada materia. Que pintan aí? Xurdiu sen pensalo previamente, cando vin algunha das gráficas e notei que quizais o número de horas semanais explicase a colocación das materias por varios alumnos. Algún alumno mercou a explicación, outros non, of course. Tamén poderíamos colocar as horas semanais nun terceiro eixe, pero feito a man pensei que non se vería ben.

Por outra banda, cabería a posibilidade de indicar a nota previa de cada alumno nas materias, pois adiviño que non reflectiría perfectamente a dificultade indicada no eixo OX: hai alumnos cuxo autoconcepto non se ve plasmado nas cualificacións, e outros amosarían que non traballan abondo en materias que a priori ven sinxelas.

Seguro que tedes máis imaxinación ca min e asáltanvos mellores ideas para poñer nuns eixes como os de xkcd que simplemente as materias de 3º de ESO. Xa tedes outra actividade para facer ese día en titoría.



24.8.20

Dúas cuestións de probabilidade


É probable que os doutos lectores deste blog xa coñezan unhas famosas e polémicas cuestións de probabilidade que tratan do sexo dos fillos dunha familia, e que tendo unha apariencia moi semellante, o procedemento para atopar a resposta e a propia solución son ben diferentes. Pois precisamente por seren tan coñecidos, non vou compartir eses problemas; se queda alguén que non os coñeza, déixovos ligazón a unha análise didáctica de expertos da Universidad de Granada:

La paradoja del niño o niña: aplicaciones para la clase de probabilidad


En troques, pelexade coas seguintes cuestións, tamén clásicas mais, coido, non tan coñecidas:


Imaxinade que temos unha baralla composta polo as de espadas, os as de copas, o dous de espadas e o dous de copas.

1ª cuestión: extraemos dúas cartas desa baralla. Cal é a probabilidade de que nesa man saian os dous ases, se sabemos que saíu polo menos un as?


2ª cuestión: extraemos dúas cartas desa baralla, one more time.  Cal é a probabilidade de que nesa man saian os dous ases, se sabemos que saíu o as de espadas?


E cando os resolvades, tedes outro choio: que diferencia esta parella de cuestións da parella de cuestións mencionada ao comezo?

27.7.20

Uns problemas para rematar xullo


Acabo de rematar o clásico contemporáneo da divulgación científica Una breve historia de casi todo, de Bill Bryson, libro que non podo deixar de recomendar. Desde a cosmoloxía ata á xenética, pasando polos movementos oceánicos ou a botánica, consegue que todos os temas que van aparecendo resulten interesantes (se estudastes, coma min, as morenas glaciares en 3º de BUP, saberedes que isto non é o habitual). Con ese libro pasoume unha cousa curiosa: tivérao nunha edición horrible pouco despois da súa publicación(2003), e non lograra rematar nin a introdución. E agora xa é un dos meus libros favoritos de divulgación científica, tendo en conta que non son un lector constante de temas científicos non matemáticos. Aínda que sigo pensando que a introdución é un pouco frouxa para o que vén despois.

E ao rematalo comecei Weapons of Math Destruction, de Cathy O'Neil, no que teño posto expectativas altas dada a alta calidade do que escribe no seu blog, mathbabe. Teño algún outro na cola, esperando, entre eles ¡Que las matemáticas te acompañen!(reseña no blog de Francis), da sempre brillante Clara Grima, e, por sorte, uns cantos libros puramente literarios, por exemplo Wise Blood, de Flannery O'Connor, a quen xa tiña ganas de ler e agardo ter tempo abondo, que ler en inglés textos literarios me leva máis que en galego ou castelán.

Mais do que xa tiña ganas era de vir polo blog e compartir uns cantos problemas para que os meus amables lectores poidan escribir na area da praia. 

Velaquí.

O primeiro, tirado da olimpíada portuguesa deste xaneiro, presenta unha estrutura combinatoris que soa coñecida, e que é susceptible de modificación para cursos baixos:

Um professor deu a alguns dos seus alunos um teste com seis questões cujas respostas eram Verdadeiro ou Falso. Quando os alunos entregaram os testes, ele reparou que cada par de alunos tinha, pelo menos, três respostas diferentes (e todos responderam às seis questões). Quantos alunos podem, no máximo, ter feito o teste?

Os dous seguintes vinos no libro de David Wells, The Penguin Book of Curious and Interesting Puzzles:

(Este pensádeo "en abstracto") Se lle dás a volta a unha luva da man esquerda, convértese nunha luva de man esquerda ou dereita?

Temos dous espellos que forman un ángulo fixo no vértice O. Un raio de luz paralelo ao espello inferior rebota no espello superior, é reflectido certo número de veces ata dar no espello inferior en ángulo recto no punto X, de tal xeito que sae polo camiño polo que entrara. Cal é a distancia entre o raio orixinal e o espello inferior?

Figura tirada do libro, o raio aquí só é reflectido 3 veces antes de chegar a X.
Cal sería o número mínimo de rebotes?

E finalmente, un problema dos "de voltas", dos que xa compartín exemplos neste blog desde o comezo, collido prestado do Wylie Math Tournament da Furman University:

Tres rapazas corren nunha pista circular con velocidade constante. Hannah é a máis rápida e pasa a Erin cada 10 minutos. Pero Erin non é a máis lenta, pois pasa a Jeannie cada 15 minutos. Cada canto tempo pasa Hannah a Jeannie?


Coido que xa tedes abondo para ir á praia.

27.6.20

A selectividade do 79


O outro día, nunha conversa no grupo de whatsapp do departamento do meu anterior instituto (en efecto, isto existe, e de feito para min é algo moi positivo), a miña xefa de departamento aló compartiu imaxes dun vello libro de exames de selectividade baixo a Ley Villar-Palasí. E saíron á palestra exemplos ben interesantes, como este do 78/79:


Selectividade Matemáticas 78/79
A xeometría non euclidiana da foto non é como a das que
mandaban os alumnos no confinamento, que isto é un libro

Varias cousas chaman a atención:
  1. O exame é breve. Moi breve comparado co actual. Non sei canto tempo lles darían aos mozos para facelo.
  2. Non hai Probabilidade nin Estatística. Nin os malditos sistemas de ecuacións dependendo dun parámetro. Nin ecuacións matriciais.
  3. A teoría da opción A non podería caer hoxe en día, pois as preguntas que poden caer están restrinxidas a catro teoremas. Entre eles, está o de Rolle, que aparece na opción B. Por certo, a distancia dun punto a un plano é unha cuestión moi axeitada... se requerise razoar por un mesmo a fórmula final. Como todos sabemos, se estaba incluída nunha lista de posibles cuestións teóricas, pasaría a ser simplemente un ítem que "chaparse".
  4. A pregunta 2 da opción A, sobre aplicacións lineais e a súa representación matricial, xa non podería aparecer cando fixen eu a selectividade, no 95, e hoxe é propia dun 1º curso de calquera grao de ciencias/tecnoloxía. Non é evidente que os dous subespacios teñen dimensión 1?
  5. A pregunta 3 tampouco podería caer agora, e de novo é propia dun 1º curso de grao. Gústame a parte na que fala da pendente da tanxente, polo de preguntar por algo coñecido expresándoo dun xeito alternativo.
  6. A cuestión 2 da opción B deixa claro que querían que os alumnos soubesen acotar integrais co ben coñecido $m(b-a) \leq \int_{a}^{b}f(t)dt \leq M(b-a)$
  7. E coido que actualmente a primeira parte da cuestión 3-B resultaría estándar, mais a segunda, na que pide unha familia de planos, quizais presentaría máis dificultades que o exercicio tipo de Xeometría da ABAU. 
Cando teña tempo hei revisar outros vellos exames de selectividade. Ver exames, mellor se son doutros países, e se pode ser antigos, é un pasatempo freak que manteño.