3.2.11

Club Matemático

Os profesores de Matemáticas do I.E.S. Punta Candieira queremos celebrar publicamente que temos alumnos con suficiente iniciativa para poñer en marcha un Club Matemático. Para axudarlles en tal obxectivo iremos propoñendo neste blog (e tamén no taboleiro do propio centro) algúns problemas xeométricos, lóxicos... ou simplemente pensados con "mala idea" para que teñan que empregar os miolos.

En principio clasificaremos os problemas en dúas categorías, a primeira para alumnos de 1º e 2º de E.S.O. e a segunda para alumnos de 3º e 4º de E.S.O. Se no futuro houbese alumnos de bacharelato con forza abondo para pensar (aínda máis do que teñen que facer xa nas clases habituais), pensaríamos na posibilidade de facer outra categoría.
Para entregar as vosas solucións podedes contactar con calquera profesor do departamento de Matemáticas do instituto. No futuro os problemas propostos neste club serán accesibles mediante a etiqueta "Club" que atoparedes na nube de etiquetas da dereita (embaixo do Arquivo).


Para inaugurar esta sección, hoxe temos dous problemas na miña opinión ben interesantes, e por tanto, non demasiado sinxelos:


  • Problema Nº 1-Categoría 1º-2º de E.S.O.: 10 moedas en 3 vasos

Es quen de colocar 10 moedas en 3 vasos de tal xeito que en cada vaso haxa un número impar de moedas?




  • Problema Nº 1-Categoría 3º-4º de E.S.O.: Rectángulos e perímetros
O rectángulo da figura foi dividido en 9 rectángulos máis pequenos. No debuxo podedes observar o perímetro de 5 deles. Es quen de calcular soamente con estes datos o perímetro do rectángulo grande?



0 comentarios:

Publicar un comentario