12.1.14

Cadrados e triángulos bailando

Esta animación de René JodoinDance carrée, vai para os 53 anos. Eu descubrina esta fin de semana fedellando na filmografía do National Film Board of Canada, e tendo en conta o número de visitas no youtube, dáme que moi coñecida non debe de ser.

Observade a danza do cadrado:





Quizais a animación sexa menos variada do que se podería esperar a priori. Tamén hai que salientar que a música escollida é realmente curiosa, máis nesta época na que aparece música do estilo de Inception por todos lados. Queda como cuestión se o artista (ou o seu equipo) faría a animación fotograma a fotograma a partir de debuxos a man, hoxe que tan sinxelo é crear unha animación, incluso sen coñecementos de programación.

No National Film Board of Canada tamén podemos atopar esta animación, Notes on a Triangle, cinco anos máis recente:



Despois de velas unha soa vez quedo coa impresión de que na segunda animación, ademais das propiedades métricas que son comúns aos dous vídeos, tamén vemos retallos de semellanza. Tamén resulta case imposible deixar de ver un hexágono regular (onde non está) interpolando triángulos.

Non podo deixar de pensar que os innovadores dos anos sesenta seguro que crían que estes vídeos ían ser a ferramenta definitiva... Quedaron no limbo do esquecemento xunto ao Basic, o LOGO, ... onde tamén estarán dentro de pouco as Webquests (se non están xa), o Prezi, a Khan Academy, os MOOCs (poña aquí o hype educativo que vostede deteste)...

Aínda desde un punto de vista do século XXI hai que recoñecer o mérito de artistas como Rene Jodoin. Por se alguén está interesado, deixo a listaxe das súas creacións e producións. Esperemos que haxa máis xeitos de velas ademais de mercar o VHS.

0 comentarios:

Publicar un comentario