1.10.14

The Imitation Game

Xa hai trailer oficial para a esperada (polo menos por min) The Imitation Game, a película baseada na vida do grande matemático Alan Türing, que ten prevista a súa estrea en novembro:







No vídeo podemos ver parte do elenco da película. O protagonista é Benedict Cumberbatch, que leva arredor de catro anos destacando en todo o que fai: Sherlock na BBC, Smaug no Hobbit, secundario en 12 Years a Slave,..., ata existe un adxectivo referido aos seus fans (cousa rara alén dos fenómenos "musicais" de adolescentes). Keira Knightley interpreta á matemática Joan Clarke, outra das criptoanalistas que traballaron en Bletchley Park (alguén non a coñece? Pride and Prejudice, Love Actually, Bend it like Beckham e tamén os piratas eses de Disney). Pero hai unha morea de grandes actores: Mathew Goode (Ozymandias en Watchmen), Rory Kinnear (alguén lembra o infausto primeiro ministro inglés de Black Mirror?), Charles Dance (Tywin Lannister), Mark Strong (lémbroo especialmente polo seu papel en Tinker, Tailor, Soldier, Spy)...

A data de estrea oficial, 14 de novembro, corresponde ao primeiro pase fóra de festivais no Reino Unido. Para España non hai data confirmada, aínda que en países da veciñanza está entre decembro e xaneiro. Eu, por se non quedou claro, estou desexando que chegue.

2 comentarios:

  1. Eu tamén devezo por vela. Este verán lin 'The code book' de Simon Singh e as miñas ganas aumentaron, a verdade é que o libro me gustou moito, é ben recomendable.

    Ademais eu son un deses fans de Cumberbatch, encántame o seu Sherlock Holmes, mira que este personaxe dá de si e hai cada Sherlock por aí que o desprestixia totalmente (cheguei a ler un libro no que Sherlock investigaba un caso no que acababa aparecendo Drácula... non digo máis), pero esta versión modernizada co bo de Benedict convenceume de vez. E sobre todo el, que ese novo Moriarty por exemplo non me acaba de chistar.

    Pero, sen embargo, non acabo de velo como Turing. Ou polo menos non me cadra moito co Turing que habita na miña cabeza. Espero que non me defraude, nen o actor nen a película.

    Haberá que estar atento á carteleira, incluso aínda que non teña un cine a menos dunha hora de coche.

    ResponderEliminar
  2. Ben, presta saber que non son o único freak ;) O de Simon Singh pasáramo un colega de Mates de Ferrol (que tamén anda na diáspora na meseta) na versión "Los Códigos Secretos" vaiche na misa (arredor de 10 anos perfectamente), gustárame moito a historia cutre dos encriptadores do imperio español...(Agora que o penso, a materia de libre configuración Códigos e Criptografía, impartida por Gómez Pardo, foi das miñas eleccións mellor feitas)
    Sobre o Turing de Cumberbatch, non che sei, é inevitable asocialo con Sherlock pois é un personaxe demasiado forte, pero como tamén o vin de negreiro pusilánime en 12 years a slave, de Khan no remake de Star Trek e incluso nunha peliculiña chamada Starter for 10 (que vin por James McAvoy sen saber que saía el), pois estou expectante. A ver.

    ResponderEliminar