| Pois si, o único primo expresable deste xeito, sendo p e q primos |
Chegamos ao décimo sétimo aniversario deste blog polo que ninguén daba dá un peso e velaquí está, durando máis que o voso amable inspector de educación average na docencia.
Este ano subiu o número de entradas con respecto aos sete anos anteriores, pois escribín 37, fronte ás 28, 34, 33, 32, 24, 24 e 24 dos anos que van de 2024 a 2018(en 2017 foran 38). A única explicación deste feito que se me ocorre é que a xefatura de estudos me compele a buscar certa evasión. Veremos este curso, agora que, felizmente, só dou clase.
Esas 37 entradas sumaron un total de 4053 visitas, mentres que o blog tivo o desorbitado número de 76390 visitas. En bluesky xa avancei a miña sospeita de que ten que haber moito tráfico de bots nesa cantidade, non o vexo factible para este humilde sitio. Polo que lin pola rede, efectivamente os bots son ubicuos nas estatísticas, pensaba que sucedería en webs máis ambiciosas, pero parece ser que o fenómeno é universal.
Como sempre, en contraste coas visitas, o número de comentarios só foi 21 nestas 37 entradas e 24 ao longo do ano. É o signo dos tempos, eu tampouco comento moito pola rede adiante, sendo sincero.
As cinco, non, seis entradas máis visitadas do ano foron(veredes por que teñen que ser seis):
- O concurso Georg Mohr 2025-2, 173 visitas, para unha entrada na que este profesor non acredita mérito ningún.
- Avaliación de final de etapa, outras 173 visitas nunha entrada crítica cunha avaliación catalá de 4º de ESOcon varios exercicios factibles en 1º de ESO. Vergoñento.
- Un problema elemental que (non) resolvín, 152 visitas. Raro que sexa unha entrada na que comparto unha solución, ese tipo de entradas non adoitan pasar das 50 visitas.
- Olimpíada Matemática Galega 2025-Fase Final - 5, 152 visitas again para unha entrada xa tradicional sobre a olimpíada.
- 10000 anos, 148 visitas. Sucedeu o mesmo que o ano previo coa entrada de aniversario.
- Oh My Fuckin' God, outras 148 visitas para a entrada na que falo da primeira OMFG.
O máis rechamante é que haxa 20 entradas por riba das 100 visitas, aínda que non haxa un outlier como o ano pasado, que tivera 215 visitas.
E as cinco entradas menos vistas foron:
- Copiando rectángulos ata obter un cadrado, 35 visitas para a entrada 35 do ano. Curiosamente a entrada anterior, Dando clase en 1º de ESO outra vez, moi semellante a esta(cun applet geogebra representando un problema tipo de 1º de ESO), tivo 103 visitas. Supoño que o título tiña máis punch.
- Recuperar o polígono perdido, 62 visitas. Que son poucas para o visto este ano, pero eu creo que está bastante ben.
- Un inesperado caso de anumerismo, 63 visitas para a entrada na que boto merda sobre unha pasaxe de Nuestra Especie, de Marvin Harris, aproveitando que este é o meu blog e, ben, en fin, que está morto.
- Olimpíada Matemática Galega 2025-Fase Final, 64 visitas para unha entrada semellante á que está na lista das máis lidas.
- Dous rápidos para despois da enchenta, 69 visitas na última entrada do ano. Pode que teña menos visitas por iso ou por calquera outra explicación que se vos ocorra. Nin idea.
Este ano a media de visitas foi 109,5, a mediana, 105, e a desviación típica, 35. Para os fans das gráficas:
Ordenei en LibreOffice Calc por número de visitas de xeito descendente, e como tiña o formato condicional "escala de cores", queda tan feitiño que o comparto tamén:
A verdade é que estou bastante satisfeito cos números deste ano. E tamén con saber de casualidade en primeira persoa dalgún colega de profesión que me lía habitualmente. Máis non podo pedir.
Non sei se dar as grazas tamén aos bots.

0 comentarios:
Publicar un comentario