Outro 6 de xaneiro, aniversario deste vello blog, que aínda vai acabar vendo esmorecer twitter.
E toca facer a entrada habitual para animar/desanimar a novos blogueiros a deixar o seu traballo e dedicarse full time ao de escribir entradas(viría sendo igual de útil que empezar unha pelexa)
En 2024 saíron 28 entradas, o que veñen sendo dúas entradas ao mes agás en abril e maio, cando reseño os problemas da olimpíada matemática galega para 2º de ESO. En total o blog tivo 28000 visitas, que agora veredes que se distribúen por outros anos do blog máis que nas entradas recentes.
As cinco entradas máis vistas foron:
- Que avalía a Avaliación Diagnóstico?(again), 215 visitas, o outlier do ano(agardade pola gráfica). O ano pasado a entrada máis vista tamén fora unha dedicada a avaliacións diagnóstico, pero en Xapón. Se tivese algún tipo de obxectivo co blog, igual tiña que escribir só entradas sobre ese tema.
- Olimpíada Matemática Galega 2024, Fase Local, 128 visitas. A entrada habitual co 1º problema da xeira e o meu sucinto comentario.
- Un día tiven unha idea totalmente ordinaria, 109 visitas. Internet non puido subtraerse a esta bonita historia en primeira persoa localizada nun IASA Santiago-Ferrol.
- 1111 anos, 91 visitas. Outra entrada estándar, a equivalente a este un ano antes.
- Unha pregunta recorrente na aula, 87 visitas. Entrada coa etiqueta Aula, que quere dicir que está baseada en feitos reais, pero que non se pode garantir que ningún alumno fose lesionado no transcurso da acción.
Vendo ese top 5, parece obvio que alguén tivo que mover a primeira entrada na rede para que sobresaíse tanto.
Vexamos agora as cinco entradas menos vistas:
- Unha adiviña nos números complexos, 28 visitas. Vese que os complexos e os determinantes non teñen moito punch.
- Escribindo unha entrada como se fose 2010, 37 visitas. O título non engana, a entrada parécese ás que facía cando empecei o blog na Rúa de Valdeorras, e compartía vídeos que entrarían na etiqueta xenérica "geek". Quedou claro que moito éxito non tivo(aínda que máis que os complexos de antes)
- Solución a Como ides de intuición (estocástica)?, 39 visitas. Co choio que me deu escribir todo ese código, e tivo 21 visitas menos que a entrada na que compartira o problema que resolvo aquí. Non volo perdonarei nunca, ...
- Un xogo con sucesións(curtas) de Fibonacci, 40 visitas. O xogo non é espectacular, pero seguramente non ten máis visitas porque foi a última entrada de 2024.
- Procurando bonus, 41 visitas. Outra entrada coa etiqueta Aula, sobre unha práctica habitual nos meus exames desde hai máis de dez anos.
Se fose como os xornalistas ou políticos (ou en xeral xente que opina publicamente) deste país, que podería deducir de que as últimas entradas do ano teñan menos visitas en media? Obviamente, que ninguén quere ler o que escribe un xefe de estudos nomeado o 9 de setembro. A conclusión é inmediata, non si?
Globalmente, a media de visitas destas entradas é 67,5, a mediana, 60, e a desviación típica, 37. É curioso que as entradas deste ano teñan 1891 visitas nada máis fronte ás 28000 do blog completo no mesmo período. Supoño que será un fenómeno común.
Observade na gráfica o outlier que mencionaba antes:
Se a miras de esguello, parece periódica |
Deixando a un lado que estiven pensando en titular a entrada coa expresión hexadecimal de 16, i.e., 10, pero optei por seguir coa binaria, que cousas peculiares ten o número 16? Se algunha vez falastes aos alumnos da Conxectura de Goldbach, seguramente xa saberede que 16 é o primeiro número par que se pode escribir como suma de dous números primos distintos de dous xeitos distintos, 3+13 e 5+11. Ademais é o único número que se pode expresar como $m^n=n^m$ sendo m e n naturais distintos. E unha cousa que adoito propoñer na aula, cando os alumnos xa dominan os expoñentes negativos, co obxectivo de que expliquen que está a pasar: $$\frac{1}{16}=0,0625. \frac{1}{625}=0,0016$$
Deume por mirar en ChatGPT a ver que tiña que atopar pola rede sobre o número 16, ollo á 6ª propiedade que comenta:
Non quero nin pensar nos profesores que busquen rich tasks aquí en troques de pensalas ou buscalas eles directamente en libros. Será que vou vello.
Seguimos, supoño.
0 comentarios:
Publicar un comentario