8.5.14

Ten years before the blackboard

Dentro de dez escribirei eu un...


Twenty years before the blackboard é o ben coñecido (e aínda máis citado) libro do profesor de Matemáticas e Informática Michael Stueben. Souben del hai máis de cinco anos, mais só decidín lelo cando vin nos últimos tempos varios fragmentos en Futility Closet (por exemplo, na entrada Alison's Triangle).

O libro está dividido en dúas partes, Teaching e The Scrapbook. A primeira parte é, na miña opinión, a máis interesante das dúas, e por moita vantaxe. Nela podemos atopar as opinións do autor sobre educación en xeral, o traballo nas aulas e a interacción do profesor cos alumnos. Despois de rematar esta parte, que non chega a 90 páxinas, non queda outra opción que recoñecer a intelixencia e intuición do autor no seu oficio docente, ademais da súa humildade e autenticidade ao recoñecer as súas propias dúbidas e limitacións. Unha mostra disto último atopámola ao comezo do libro, no epígrafe Lesson 3:Whining (quizais a tradución habitual sexa "Queixarse", mais eu neste caso prefiro "Choromicando") nunha pasaxe na que relata a interacción cun alumno de programación que estaba a ter dificultades graves (traduzo directamente para non incrementar demasiado o texto desta entrada)

"Fixeches isto mal. Fixeches aquilo mal. Loxicamente o teu programa non funciona, pois non o deseñaches deste xeito e desoutro xeito. A razón pola que che dixen que adoptases este xeito é que non terías estes problemas. Bla, bla, bla."

Finalmente acabei dicíndolle que en troques de aprender de min programación, el aprendera non-programación e desenvolvera habilidades tan contraproducentes que era aínda peor que alguén que nunca estudara esta materia. De verdade lle dixen isto a un alumno? Desafortunadamente si. O asunto non é se eu era un mal profesor ou el era un mal estudante. O esencial é como o meu ego xestionou o shock de descubrir o que o alumno aprendera baixo a miña influencia. Eu queixeime, critiqueino, culpeino e choromiquei. O resultado foi que nada cambiou agás a súa opinión sobre min e quizais a súa autoestima.

É inevitable recoñecerse nesta situación. A un gustaríalle poder dicir que non, que sempre pon por diante o beneficio dos seus alumnos e a profesionalidade, porén o ego ás veces pesa máis e sae de razzia.

Stueben non só presenta estes erros seus como profesor, senón que tamén comenta como mellorou cos anos e que solucións foi atopando. Aí é onde un ten que rendirse á súa autenticidade mais tamén á súa intuición como docente. 

Esta primeira parte do libro tamén amosa problemas, xeitos de presentar conceptos e de facer pensar aos alumnos nas ideas matemáticas que serven como un curso acelerado para o profesor novel e para o que leva xa dez anos traballando.


En The Scrapbook, en troques, achamos mostras diso chamado humor matemático, regras mnemotécnicas (incluídas ás dedicadas ás primeiras cifras de $\small{\pi}$) e algunhas demostracións matemáticas salientables segundo o autor. Recoñezo que teño prexuízos ante os primeiros temas: o humor matemático adoita deixarme frío e nunca lle collín o aquel á mnemotecnia, agás en contados casos (aínda lembro como quedei cando na carreira descubrín que había xente que sabía o método de integración por partes mediante unha trapallada dun valente soldado...). O apartado de demostracións si resulta interesante, aínda que a maioría delas está xa practicamente no folklore matemático actual.


Conclusión: se dades cun exemplar de Twenty Years Before the Blackboard, lédeo. Coido que algo útil e emocionante ides obter.

0 comentarios:

Publicar un comentario