Uns días antes de que remate o ano é o momento de revisar as vicisitudes deste blogue.
En total escribín 67 entradas, 16 máis có ano previo. A explicación do aumento radica principalmente na crónica que fixen da Olimpíada Matemática Galega, que levou 10 posts, un por problema (fase local e final), e nunha mínima suba do ritmo de publicación.
Respecto ás etiquetas:
- Problemas: houbo 37 entradas con problemas, dentro do rango habitual deste blogue(desde problemas de aula e olimpíadas da ESO ata problemas que requiran un chisco de técnica)
- Xeometría: 27 entradas tiveron este tema principal, obviamente moitas delas incluían problemas xeométricos, aínda que algunha houbo con teoremas ou vídeos.
- Aula: A terceira categoría máis numerosa foi esta, na que cabe calquera cousa: desde problemas ou aproximacións que teña utilizado, comentarios a experiencias, ideas para aulas futuras... 18 entradas foron.
As entradas máis lidas este ano foron:
- Cousas que só atoparás nunha Avaliación Diagnóstico
- Un triángulo dobrado, que ademais foi a entrada máis comentada do ano.
- Olimpíada Matemática Galega 2015-Fase Final
Como curiosidade, a entrada máis lida no 2014, Que avalía a Avaliación Diagnóstico?, tamén tivera o mesmo tema. Nótase que hai interese, quizais por obriga, nas avaliacións que nos impoñen desde as administracións e as empresas do ramo. Por outra banda, estas 3 entradas ocupan xa un posto no particular Top Ten de visitas nos case 7 anos do blogue.
Este ano trouxo unha novidade serodia: a creación dunha páxina específica de xogos para o obradoiro que dei na Xornada de Matemática Recreativa de finais de novembro. En menos dun mes xa levaba máis de 400 visitas, só por detrás da entrada máis visitada do blogue, Se algunha vez estás de mal humor. Estou certo de que son os meus alumnos os causantes desta explosión de visitas, despois de dárllela a coñecer nunha clase despois da avaliación. A páxina non aparece, como é habitual, nas lapelas superiores do blogue, pois modifiquei hai anos o html do deseño para anchear o corpo e isto provoca que certas características comúns de blogger non se vexan. Se teño tempo e ganas, un día hei fedellar no html para solucionalo.
As entradas menos lidas foron, exceptuando as dúas últimas, que aínda non tiveron percorrido:
- Remate e ilusión
- Pensando un chisco e A complexa Xeometría do deseño islámico, co mesmo número de visitas
- Sumar, multiplicar, tanto ten
Se non fose eu o autor deste blogue coido que as entradas que me resultarían máis interesantes serían Un problema do TIMSS 1999 Study Video, onde tedes unha grande lección dun profesor xaponés, e Por pura lóxica-2, pois os fallos do razoamento dentro da Lóxica son unha teima que comparto con moitos colegas profesores.
Nada máis por este ano. Un saúdo aos amables lectores da NSA ;)
0 comentarios:
Publicar un comentario