5.1.10

Anumerismo

Seguro que a palabra do título resulta estraña, verdade? Lóxico: non existe. Nin en galego nin en castelán aparece recollida nos seus léxicos.

Sen embargo, non hai outro xeito máis breve e eficiente de expresar o concepto que en inglés é chamado innumeracy. A historia deste termo é, máis ou menos, como segue:
o matemático e lóxico estadounidense John Allen Paulos escribiu en 1988 o libro "Innumeracy: Mathematical Illiteracy and its consequences" (Anumerismo: Analfabetismo Matemático e as súas consecuencias). Nel debullaba as distintas facetas dese aspecto da incultura, así como as consecuencias prácticas na vida cotiá dos "anuméricos".
(Hai tradución ao castelán do libro: "El hombre anumérico", e versións pola rede)

Fai reflexionar que o autor do libro apunte como unha das razóns da extensión actual do anumerismo a persistencia de pobres métodos de ensino. Non queda aí: tamén comenta o escaso prestixio real que teñen as Matemáticas. Cando digo real refírome a que, se ben como materia académica é respectada (e incluso temida, que lle imos facer...) moita xente culta non ten rubor algún en recoñecer que non posúen formación matemática, ou ben que nunca se lles deu ben, que nunca entenderon as Matemáticas... Mentres que ninguén ousaría dicir: "Nunca entendín o que lía", aínda que fose certo.


Nas clases adoito comentar dous exemplos de anumerismo:
  • O primeiro, trivial pero bo indicador: Hai dous anos, na peaxe da autoestrada AP-9 entre Ferrol e A Coruña, cando o operador da cabina pediu "Tres euros con cinco" pregunteille: "Tres euros con cinco ou tres euros con cero cinco?" A resposta, terrorífica: "Non é o mesmo?" Claro, e Magic Johnson medía 2,6 metros... (facía mates coa cabeza)

  • O segundo, patético: Nunha canle de televisión privada (creo que era Tele Cinco, pero non estou seguro), cando comezaba a moda de anunciar o tempo que ían durar os intermedios publicitarios, o contador dos segundos lucía así (o tempo está manipulado para que se vexa mellor):



É dicir: as décimas van no lugar das centésimas, e engadimos un cero, que sempre queda bonito. Tal sacrilexio, polo menos, só durou unha semana.


E o último exemplo de anumerismo, este dentro da categoría de humor, proporcionado polas gravacións dunha trama corrupta. Transcribo a frase:

"Si somos 11, yo quiero mi 11%"

Habería que ver as contas do home este se fosen 100 no allo...

Sobre este tema comentei onte un blog, Good Math, Bad Math, no que o autor (enxeñeiro informático en google) comenta frecuentemente malos usos das Matemáticas. Pois ben, en castelán temos dous blogs de temática concreta diferente pero cun obxectivo (e nome) semellante, Mala Prensa e Mala Ciencia. En palabras dos autores, tal e como aparecen nos subtítulos dos blogs:
En Mala Prensa:
Errores y chapuzas de la prensa española: números equivocados, gráficos incorrectos, fallos lógicos, conceptos erróneos, mala interpretación de estadísticas o datos científicos...
En Mala Ciencia:
Disparates, barbaridades y patadas a la ciencia, en noticias, películas o incluso en el saber general

0 comentarios:

Post a Comment