6.1.24

1111 anos

 

Chega outro 6 de xaneiro e é tempo para outra entrada totalmente prescindible do voso blog de cabeceira. Este ano saíron 34 entradas, unha máis que o ano anterior, dúas máis que o 2022.

As cinco entradas máis vistas foron:

  • Unha avaliación diagnóstico en Xapón, 181 visitas. Esquecín poñerlle a etiqueta "Ensino", á que pertence obviamente. Se non a lestes, o tema é realmente interesante e importante. Outro mundo educativo. Tivo un comentario e a miña resposta.
  • Olimpiada Matemática Española 2023, Fase Local, 140 visitas. Nesta entrada resolvo o último problema, unha ecuación diofántica exponencial, e comento a relación do 5º problema cunha entrada anterior do blog. Ningún comentario.
  • Outra demostración dun feito ben coñecido, 129 visitas. Aquí comparto unha demostración que non coñecía da suma dos ángulos dun triángulo plano... se non fose porque na última parte da entrada desvelo que en realidade o argumento non chega a demostración. Sen comentarios.
  • Aproveitando un problema estándar, 124 visitas. Comento unha sesión real de 1º de ESO, desas que só coñecemos, valla a tautoloxía, os profesores que damos clase neses niveis. Tampouco tivo comentarios.
  •  Uns triángulos nunha grella, 118 visitas. Problema típico de meter triángulos nun rectángulo e preguntar pola área da intersección. Un comentario e a miña resposta.
Só estas cinco entradas tiveron máis de 100 visitas.

As cinco menos vistas foron:
  • (Outra vez) Problemas de Álxebra sen ecuacións, 30 visitas. A entrada explícase co título, foi a última do ano, é previsible que sexa a menos vista.
  • Adiviña lineal, 33 visitas. Esta entrada saíu o 1 de abril, mais non era unha brincadeira. Este tipo de cousas son as que me parecería axeitado pensar na formación posterior ao grao e previa a entrar na aula. Se un ten intuición abondo pode adiviñar estes obstáculos, non é razoable pensar que todos os aspirantes a docente teñan tanta intuición.
  • Outro aritgrama (máis), 36 visitas. Penúltima entrada do ano, dunha serie clásica no blog(16 entradas están na etiqueta). Dous comentarios.
  • Olimpíada Matemática Galega 2023 - Fase Final 3, 37 visitas. Un problema tradicional de números autorreferentes nesta entrada.
  • Olimpíada Matemática Galega 2023 - Fase Final 2, 41 visitas. Un problemiña de divisibilidade e un chisco máis, axeitado para as aulas. 
A media de visitas ás entradas é 80, a desviación 32 e a mediana, 76. Hai unha baixada clara respecto ao ano anterior, no que eses parámetros foron 136, 56 e 116. Porén, o blog globalmente non tivo menos visitas, só sucedeu que as últimas entradas foron menos populares, quizais porque fixen menos bombo en twitter con cada entrada.

Comparto tamén a gráfica de visitas por entrada:

   
Quince anos, eh, vaia barbaridade. Noutros quince é probable que estea xubilado. O blog durará o tempo que me siga prestando escribir 2 ou 3 entradas por mes, como ata agora. Co obstáculo do tempo que me deixe o traballo burocrático que enche a docencia, aínda máis baixo a última lei (por agora) que temos que padecer.

Como remate, unha cousiña destas que é bonito amosar en clase.

$$15^2=225 \rightarrow \left( \frac{1}{15}\right)^2= \frac{1}{225} \rightarrow 0,066 \dots ^2=0,00 44 \dots$$

Vémonos este 2024.


4 comentarios:

  1. Magnífico blog! Aquí unha lectora dende o 2014.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ía dicir que os colegas non contan, pero vendo o éxito que teño nese nicho tampouco é que teña moito éxito, así que si. Graciñas, María ;)

      Eliminar
  2. Espero chegar a ver un título que teña outro 1 máis

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Outro 1 máis parece complicado; en troques, un 1 máis á esquerda, probable ;)

      Eliminar